InicioMovementos sociaisO Movemento Galego da Saúde Mental denuncia falta de medios na atención...

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia falta de medios na atención psiquiátrica do HULA

A asociación culpa da falta de especialistas da recente morte dunha muller que caeu a un patio interior do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e lembra outros sucesos similares

PUBLICADA O

- Advertisement -

Logo da morte supostamente premeditada dunha muller de 74 anos ingresada na planta de cirurxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) advirte nun comunicado de que este e outros episodios anteriores débense á falla de medios de atención psiquiátrica e psicolóxica no centro sanitario de Lugo. Así, sinalan dende a asociación que os protocolos a seguir ocultan a natureza do suicidio, un problema para o que non existen programas específicos de axuda nese hospital.

«Segundo declaracións do seu neto –din dende o MGSM–, el mesmo avisara vinte e catro horas antes de que a familiar tiña intención de morrer, o que finalmente se produciu pola precipitación a un patio interior do Hospital». Tampouco existiu información axeitada nin unha explicación formal por parte do centro sobre as circunstancias da morte, queixándose o neto de que «non se lle deixou ver o corpo da falecida» e de que se valorara todo coma unha neglixencia.

Lembrando episodios similares, o Movemento Galego da Saúde Mental critica que o protocolo ante as queixas por unha situación asistencial estea limitado a sinalar o suicidio coma inevitable e impredecible, mentres que defende a actuación dos profesionais da saúde sen investigar «as insuficiencias de dotacións e funcionamento» hospitalarias. E a situación sería peor de non ser polo labor de devanditos profesionais, que «palían co seu esforzo e dispoñibilidade a carencia de recursos» e a «incapacidade» dos equipos directivos.

Amais da insuficiencia de efectivos formados para garantir a axeitada calidade asistencial –seguridade inclusive–, con plantillas «por debaixo dos mínimos» en canto a atención psiquiátrica e psicolóxica, o comunicado advirte de que non se están a realizar as coberturas de baixas e as substitucións precisas nos diferentes servizos e especialidades.

Asemade, dende o MGSM censuran a inexistencia dun programa de prevención do suicidio no HULA, pois «a pesar da propaganda da Consellería da Sanidade» «non se aplican procedementos de actuación ante pacientes de risco», actuacións reservadas ás unidades de hospitalización psiquiátrica malia que «o suicidio non está restrinxido a persoas diagnosticadas cunha enfermidade mental».

Entre outras deficiencias das que culpan á «falta de concreción» do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia –aprobado en setembro de 2017– está a ausencia de coidado aos familiares e achegados, aos que se lles nega a información sobre os feitos. Por todo isto, dende o Movemento esixen corrixir estes protocolos «incluíndo as reparacións oportunas», analizar o acontecido, dotar ó hospital dun programa de prevención e coidado, e dotacións axeitadas para «reducir a carga» tanto no persoal responsable coma nos pacientes e a xente derredor.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...