InicioSociedadePais dun menor autista de Vilalba critican o peche do expediente a...

Pais dun menor autista de Vilalba critican o peche do expediente a un profesor denunciado por discriminación

Denunciaron que o docente "rebaixou puntuacións en aspectos propios do seu diagnóstico" e Educación di que "non houbo actuacións irregulares"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os pais dun menor lucense, con síndrome de Asperger e discapacidade recoñecida legalmente, que estuda no IES de Basanta en Vilalba (Lugo), critican o peche do expediente ao profesor e á dirección do centro educativo, despois de que ser denunciados por presunta discriminación ao menor, e piden un recurso de alzada ante o conselleiro de Educación.

Os feitos remóntanse ao curso pasado cando os pais presentaron unha denuncia formal en Inspección Educativa, o 16 de maio, ao considerar que existía unha infracción por parte do docente, así como por parte do centro educativo. Ademais, solicitaron unha entrevista coa xefa territorial de educación para pola en coñecemento do caso.

A denuncia sinala que o profesor denunciado non se puxo en contacto cos pais por ningunha vía para acordar os reforzos que o alumno necesitaba na materia e que “lle traslado á orientadora que non necesitaba ningún reforzo”.

Así, indica que o profesor tivo “unha actitude incorrecta e discriminatoria” e que nas cualificacións do menor “rebáixanse puntuacións en aspectos que son propios do seu diagnóstico e que,precisamente, son os que figuran no Informe do Equipo de Orientación Específico da Consellería como necesidades de apoio e reforzo”.

Así, sinalaron este xoves nun comunicado que “hai uns días” recibiron unha resolución asinada pola Xefa Territorial de Educación, María José Gómez Rodríguez, “que incumpre as mínimas formalidades procedimentais”, despois de solicitar o 11 de outubro información do estado da denuncia.

En relación ao escrito, sinalaron que “a gravidade de que a Inspección Educativa negue agora os feitos evidentes e demostrables denunciados”. Ademais, no comunicado denunciaron “a violencia institucional” da Administración desde que presentaron a denuncia.

Deste xeito, os pais do menor presentaron este xoves un recurso de alzada ante o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, así como unha solicitude de reunión co mesmo.

A familia sinalou que se a Administración “continúa facendo oídos xordos”, “chegarán onde faga falta, apelando as diferentes instancias, explorando outras vías tanto legais, como de denuncia pública e tanto nas instancias galegas como europeas”.

RESOLUCIÓN DA XUNTA

No escrito, asinado pola Xefa Territorial de Educación de Lugo, María José Gómez Rodríguez, remitido á familia, a Xunta sinala que en relación á denuncia presentado no mes de maio “realizáronse as actuacións que se consideraron oportunas co obxectivo de determinar se as actuacións realizadas polo docente denunciado e o equipo directivo foron acordes á legalidade”.

Así, indícase que “non había actuación algunha irregular, ilegal ou minimamente reprobable” e que “se procedeu ao arquivo das actuacións realizadas e ao arquivo da denuncia sen máis trámites”.

Ademais, o escrito sinala que o inspector do centro considerou o 14 de outubro nun informe que “non existe infracción por parte do profesor nas súas obrigacións como docente“. Tamén indica que “non hai infracción por parte algúns membro da dirección do centro” do IES Basanta Silva Deste xeito, o texto conclúe “non hai necesidade de proceder á apertura de expediente disciplinario algún”.

En resposta a Europa Press, a Consellería de Educación sinalou que Inspección Educativa e a dirección do centro o pasado curso “deseñaron unha atención específica a este alumno atendendo as súas características e necesidades” e que este ano “se volveron a implementar medidas de carácter académico enfocadas de novo ao máximo aproveitamento por parte do alumno”.

ÚLTIMAS

Unha multitudinaria marcha clama en Palas contra a fábrica de Altri: “É un atentado á nosa maneira de vivir”

Miles de persoas marchan a esta hora polas rúas do municipio lucense de Palas de...

Adra Pallón, o fotógrafo lucense que retrata a desaparición deses “lumes ou casas habitadas”

"Unha voz que se move entre o berro, a denuncia e a homenaxe", así define...

XXI Xornadas Técnicas de Seragro: 14 e 15 de novembro

O comité organizador das XXI Xornadas Técnicas de Seragro está xa a traballar na...

Altri sobre a súa planta en Palas: “non emitirá dioxinas nin será prexudicial para a saúde”

Greenfiber, do grupo portugués Altri, defende que a planta de fibras téxtiles que proxecta...