O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, recoñeceu a situación “moi inestable” do viaduto do Castro, na A-6, entre Galicia e Castela e León, onde este xoves se rexistrou un novo derrube, pero pediu “tranquilidade” á poboación a pesar de admitir que se trata dun “tema grave”. “Se isto se detecta, detéctase grazas ás inspeccións que se realizan, hainas cada tres meses, anuais e cada cinco anos”, explicou Miñones, quen evitou facer “hipótese” sobre as medidas que se adoptarán, como a posible demolición de todo o viaduto.
A preguntas dos xornalistas, dixo que se segue traballando “no máis importante, en esclarecer o ocorrido“. Ademais, manifestou que tras producirse este novo derrube, ao redor das 18,45 horas, segundo apuntou, desde o Goberno puxéronse en contacto coa Xunta. No seu caso chamou ao titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, mentres que o secretario xeral de Infraestruturas se puxo en contacto coa conselleira desta mesma área.
Por outra banda, confirmou que esta tarde a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, se desprazará á zona, onde, segundo sinalou, están os técnicos “traballando”. Respecto do ocorrido este xoves, o delegado do Goberno insistiu en que o obxectivo segue sendo “priorizar a seguridade, os desprazamentos e a conectividade a través da Nacional VI”, ademais de traballar na “reconstrución”. “Pero primeiro hai que coñecer o ocorrido e saber que medidas tomar”.
En canto a se considera necesario unha investigación xudicial, apuntou que se irá “paso a paso”. “Primeiro é estudar con detalle o ocorrido, saber cales son as causas e, en función desas causas, tomaranse as decisións oportunas, se é necesario recorrer a esa via xudicial ou non”. Por outra banda, avanzou que a próxima semana, en concreto o martes, manterá un encontro con empresarios do sector afectados.
MINISTRA DE TRANSPORTES
A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, comprometeuse a destinar todos os “recursos materiais e humanos necesarios” e a actuar con “rigor e transparencia”. “Estamos a investigar as causas, trátase dunha situación complexa, desprazamos alí aos mellores especialistas enxeñeiros e estanse facendo análises”, sinalou Sánchez.
A ministra trasladou a súa “consternación” ante este feito, e pediu “desculpas polas molestias que poida ocasionar aos cidadáns mentres se soluciona a situación”. “O máis importante é garantir a seguridade, temos un sistema de inspección das nosas infraestruturas permanente, ese tramo estaba cortado porque se estaban facendo unhas obras porque hai un ano se rexistraron certos danos”, manifestou.
“EXPLICACIÓNS, INFORMACIÓNS E SOLUCIÓNS”
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, urxe “explicacións, información e solucións” para a A-6 e pide que a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, “dea a cara”. Para a titular de Infraestruturas da Xunta de Galicia “vai sendo hora” de que o Goberno de España e a ministra de Transportes dean explicacións sobre un asunto que é “extremadamente alarmante”.
Así, denuncia “a xestión é caótica para un problema monumental” dun dos principais accesos a Galicia. Puxo de relevo que o pasado martes se trasladou que se ía a proceder a abrir este verán o viaduto paralelo que non colapsou e “agora parece que hai cambio de criterio”. Un motivo polo que a conselleira cuestionou “que está a pasar na A-6, por que non se están dando explicacións e por que non se está dando información sobre as inspeccións e as previsións”.
Con todo, non entrou a esixir unha vía xudicial para depurar responsabilidades aludindo a que o “prioritario” nesta “situación extremadamente alarmante” son “esas explicacións, esa información e esas solucións”. Así reiterou que falar do peche da A-6 “é falar do peche dunha das vías principais de conectividade entre Galicia e a meseta” e por tanto “un mazazo a todo o sector económico e á mobilidade do norte de Galicia”. A falta de información neste sentido, di, “alimenta unicamente a especulación, a inseguridade da cidadanía e a inseguridade de todo o sector económico”.
“Necesitamos estar nun grupo de traballo e estar puntualmente informados, porque estar á beira da xente, dos sectores económicos e ofrecer información e sobre todo certezas é necesario. Non poden estar a vivir con esta incerteza”, aseverou.
ALFONSO RUEDA
Na mesma liña, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, demandou ao Goberno central máis información e “máis clara” sobre o último derrube. Rueda agradeceu a visita da ministra de Transportes, Raquel Sánchez a Lugo –programada para esta mesma tarde–, onde tamén estará o delegado do Goberno, José Miñones, e el mesmo, segundo confirmou.
Alí espera obter “máis información” porque coa que contan, polo momento, “é bastante confusa”. “Canta máis claridade, mellor”, resolveu. Ademais, o titular do Executivo autonómico non descartou revisar as condicións nas que se atopan infraestruturas galegas similares ao viaduto do Castro, aínda que espera que non sexa necesario.
Segundo explicou, a Consellería de Infraestruturas remitiu onte unha carta ao Ministerio na que tamén se trata este tema. “É necesario ter seguridade. Esperamos ter toda a información, non só deste derrube concreto, ver tamén se é necesario facer recoñecementos, aínda que eu espero que non. Nesta situación hai que ter toda a seguridade de mundo e iso conséguese con información”, indicou.
PPDEG, CONTRA MIÑONES
Doutro lado, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que para os populares o derrube do viaduto de Castro na autovía A-6 é un tema “moi preocupante e de vital importancia”, mentres que ao Goberno “parece que moito non lle preocupa”.
Así, criticou que o delegado do Goberno, José Miñones, estivese este xoves no festival O Son do Camiño, en Santiago, tras coñecerse o último derrubamento. “Onte (xoves), cando caeu o outro tramo da A-6, aínda que todos temos dereito a divertirnos, ao delegado do Goberno non o vin moi preocupado gozando dos concertos”, afirmou.