RAMÓN GONZÁLEZ REY | A Feira do Poldro e do Gando de Monte de Muras cumprirá a fin de semana a súa trixésimo primeira edición, co domingo como día grande. Unha carreira con cabalos e xinetes federados, de razas árabe e inglesa, unha exhibición de poda en altura evisitas ao Xistral para observar a contorna e os cabalos do monte son as novidades dun evento que mostra cada ano o peso da gandería no muncipio chairego.
TRES ESPAZOS
O Concello de Muras, que impulsa a cita, dividirá o campo da feira, no alto da Gañidoira, en tres espazos: un deles estará adicado ao groso dos animais, outro ás razas autóctonas e un terceiro exporá maquinaria.
400 CABEZAS
O goberno local anotou en torno a 400 cabezas de gando -con 27 curros reservados– e repartirá 5.600 euros en premios. Ademais, estimulará a participación con 50 euros a todo aquel que leve ao evento alomenos dous animais.
A feira será un ano máis o centro dos festexos, pero o equipo de goberno de Muras segue a potenciar o aspecto cultural e de ocio da cita. Así, ofrecerá visitas ao Xistral desde as 14.00 ata as 20.00 horas. Os interesados deben anotarse no stand de Puraga. Os paseos, en 4×4, permitirán admirar a beleza do espazo natural e dos cabalos criados en extensivo.
Outra das novidades desta edición será a carreira profesional, que se unirá á proba afeccionada impulsada pola asociación local Atila. O Club Jockey, organizador habitual de probas no hipódromo de Xinzo da Limia, ofrecerá unha competición entre exemplares e xinetes federados, que cubrirán unha distancia de 1,8 quilómetros.
Ademais, profesionais de Husqvarna realizarán unha exhibición de poda en altura, ofreceranse paseos para nenos, degustarase a hamburguesa Gañidoira e continuarán as xornadas de degustación de carne de poldro en varios locais de hostalería, que se celebran desde o pasado día 14.
SÁBADO
Para o sábado quedan os xogos ecuestres, desde as 19.00 horas, e petiscos con animación musical, a partir das 20.00 horas.
O EVENTO “MÁIS IMPORTANTE”
A Feira do Poldro é “o evento máis importante que hai no concello, porque plasma dalgunha maneira o que somos”, expón o alcalde de Muras, o nacionalista Manuel Requeijo. O municipio conta cunhas 150 explotacións gandeiras, das que a maioría delas aposta pola cría de poldro.
O LOBO, AMEAZA
Sobre estes negocios planea unha ameaza desde hai anos. “Veremos se esta festa se pode celebrar no futuro, porque temos un problema grave co lobo“, sostén Requeijo.
O alcalde asegura que os gandeiros lamentan a perda de cada vez máis reses e piden un censo das manadas que hai na zona. Os empresarios quéixanse da escasa contía das axudas cando o lobo mata algún poldro e da excesiva burocracia á hora de tramitalas, o que fai que moitos deles rexeiten pedir axuda á Xunta de Galicia.
“Estásenos a vender unha idea moi literaria de que está moi ben irse vivir ao rural, pero iso ten que traducirse en medios e implicación por parte das administracións“, indica Requeijo.