O Executivo de Lara Méndez vén de acordar en Xunta de Goberno a aprobación da participación do Concello de Lugo nas axudas do Plan de Recuperación co obxectivo de acadar o financiamento que permita crear o Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, atendendo ao compromiso da rexedora coa cidadanía para recuperar o edificio e converterlo no epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular.
Así, o Concello de Lugo concorrerá ás subvencións convocadas polo MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) para a rehabilitación de edificios de titularidade pública co propósito de conseguir un total de 12 millóns de euros cos que sufragar o proxecto, que se desenvolverá en 2 fases de acordo aos requisitos establecidos nas bases da convocatoria estatal, á propia configuración da construción e tamén aos seus futuros usos.
“Dende o primeiro momento do meu mandato asegurei que non renunciariamos a esta actuación porque entendiamos que o Museo e Centro de Investigación da Romanización de Galicia e Noroeste de España debe estar en Lugo, e no Cuartel de San Fernando – aseverou Lara Méndez – non só exercendo un cometido expositivo, senón porque tamén é determinante a súa capacidade como centro de investigación e divulgación e como polo turístico”.
Lara Méndez criticou á Xunta por aparcar primeiro o proxecto – logo de investir 221.000 euros na redacción do mesmo– e agora por “non atender” as peticións do concello, entre elas, devolver todos os vestixios que o Concello de Lugo ten en depósito, e dos que é titular o Goberno galego.
A alcaldesa avanzou que a rehabilitación deste edificio “non só servirá para satisfacer unha antiga débeda coa cidade, senón para culminar as actuacións, tamén financiadas polo MITMA, de creación de Zonas de Baixas Emisións, abordando á peonalización das rúas circundantes ao edificio de referencia e da Praza na que está ubicado. Polo que, no seu conxunto, a intervención implica completar o fito de peonalizar integramente o Casco Histórico”.
Deste xeito, o concello quere que o Cuartel de San Fernando, declarado Ben de Interese Cultural en 2009, será un excelente contedor cultural, con capacidade para acoller todos os vestixios arqueolóxicos (entre os que se inclúen máis de 15.000 pezas), pola súa idoneidade tamén a nivel expositivo, como xoia arquitectónica e arqueolóxica que avalan os resultados das 16 catas que se levaron a cabo nel e tamén polo seu potencial como sede investigadora, tal e como sinalou a alcaldesa.
PATRIMONIO
O patrimonio arqueolóxico lucense, da que é propietaria a Xunta de Galicia, está composto por máis de 15.000 pezas, dispersas entre unha ducia de instalacións públicas, de titularidade local, provincial e autonómica así como en numerosos domicilios privados de arqueólogo/as.
Dende o ano 1986 e ata aproximadamente 1993, o Concello foi depositario dun conxunto de materiais arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas na cidade, que actualmente se atopan distribuídas en diferentes centros. Só o Vello Cárcere acolle 1200 caixas con material diverso como cerámica, bronces, vidros, moedas, etc. Pero nos baixos da Casa da Xuventude hai polo menos 221 elementos líticos, entre muíños, basas/fustes de columnas e outros, así como un número indeterminado de ladrillos/tellas romanas e o almacén de Frigsa contén outros 100 obxectos máis.
Un compendio ao que cómpre engadir as 232 pezas que figuran en exposición na S.E Porta Miñá, 22 máis no C.A. San Roque, outras 9 na Casa dos Mosaicos e 13 no MIHL, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se encontran 9 pezas líticas como sillares de acueducto, basas/fuste de columna ou escudos heráldicos.
Alén dos restos procedentes das últimas escavacións realizadas no termo municipal e que se atopan repartidos polo Museo Histórico Provincial, no Castro de Viladonga e no Balneario, así como nos domicilios de arqueólogo/as que, a título particular, ofreceron as súas vivendas para albergalos. “Vestixios que precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición xa que a súa ausencia está a dificultar a conservación dos xacementos, así como o desenvolvemento de actividades divulgativas, educativas e turísticas que esixen centralizar e unificar nun mesmo espazo o seu almacenamento e salvagarda”, sinalan desde o Concello de Lugo.