A Policía Local de Lugo propuxo para sanción este fin de semana a un local de lecer nocturno situado en rúa Antonio Rosón por permanecer aberto máis tempo do horario establecido, así como por non realizar o rexistro de clientes obrigatorio de acordo coas medidas sanitarias en vigor.
En concreto, eran sobre as 5,30 da mañá do domingo cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno do corpo municipal achegouse ata o establecemento para realizar unha inspección, segundo informa o Concello.
Así, os axentes levantaron dúas actas de sanción: unha primeira por atoparse o local aberto máis tarde das 4,30 horas, que é o límite que recolle o actual protocolo do lecer nocturno; e unha segunda por non realizar o rexistro de clientes obrigatorio.
A Policía Local propón sancións de 500 euros por cada unha destas dúas infraccións, de acordo coa Lei de Saúde de Galicia.
TRES INTERVENCIÓNS POR RUÍDOS
Ademais, os axentes municipais tiveron que realizar este fin de semana tres intervencións por exceso de ruídos. A primeira foi ás 23,45 horas do sábado, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno detectou na Praza de Pío XII un grupo de tres novos xunto a un altofalante que emitía música “en ton moi elevado, perturbando o descanso dos veciños”, que chamaron á sala do 092.
Os policías procederon a identificar o propietario do aparello, que tiña 16 anos, e requiríronlle que o desconectase. Fíxoo ao instante, pero levantóuselle unha acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.
Esa mesma noite, ás 2,20 da madrugada, unha patrulla acudiu a un edificio de rúa Nova despois de que os veciños queixásense dos ruídos que proviñan dun baixo. Alí, tal e como comprobaron os axentes, había un grupo de mozos celebrando unha festa cun equipo de reprodución musical.
O terceiro dos episodios ocorreu sobre as 17,45 horas do mesmo día, cando unha patrulla foi requirida polos veciños de Campo Castelo debido aos ruídos que procedían da praza. Alí, os axentes observaron que fronte a un inmoble atopábase unha pequena barra de bar, mesas cun altofalante e dous parasoles.
O responsable explicou que os aparellos eran seus e que os empregaba na festa de aniversarios dun familiar que levaba a cabo nun local de hostalaría da zona. Foi denunciado por ocupación da vía pública sen autorización e por infrinxir a Ordenanza de Protección Ambiental.