InicioEconomíaA Escola Infantil de Outeiro pasa de 41 a 61 prazas o...

A Escola Infantil de Outeiro pasa de 41 a 61 prazas o vindeiro curso

A aportación conxunta do Grupo de Desenvolvemento Rural, a Consellería de Política Social e mailo Concello de Outeiro permitiu ampliar superficie e servizos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Escola Infantil municipal de Outeiro de Rei ofertará o vindeiro curso 61 prazas fronte ás 41 das que dispoñía ata o de agora, mercé á obra de ampliación no centro executada entre a administración autonómica e a local. 

As actuacións, xa rematadas e listas para o novo curso, supuxeron unha remodelación integral do centro; amais da ampliación do espazo interior e dos patios exteriores, acometeuse unha obra de mellora na cuberta.

Para supervisar estes traballos, ata o centro desprazáronse o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do rexedor José Pardo, e mailo presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de Lugo, José Ángel Santos.

O investimento conxunto supera os 200.000 euros, e para o seu financiamento o Concello de Outeiro de Rei contou co apoio da Xunta. A achega máis elevada, de 145.700 euros, foi con cargo ao GDR lucense, dependente da Consellería de Medio Rural, mais tamén achegaron recursos a Consellería de Política Social e o propio Concello.

A ampliación procura dar resposta á gran demanda de prazas de gardaría que hai neste municipio, onde a escola estaba completa e incluso contaba con lista de agarda. As 20 novas prazas están dirixidas a grupos de todas as idades preescolares.

Novos equipamentos e autosuficiencia enerxética

A zona ampliada na Escola Infantil de Outeiro conta cunha sala para nenos de 0 a 3 anos de 40 metros cadrados, con zona de descanso para berce, independente pero comunicada coa anterior. Tamén se engade unha zona de aseo, adaptada ao rango de idade, que inclúe bañeira para os bebés e mobiliario específico para os máis novos.

A engádega asemade aumenta o espazo na zona de patio interior en 47 metros cadrados. Trátase dun patio interior central con gran iluminación exterior, que se emprega como sala mutiusos cando as condicións climatolóxicas así o aconsellan e non permiten saír aos patios exteriores.

Os novos espazos inclúen un almacén de 37 metros cadrados, e un novo patio exterior, comunicado directamente coa escola, de 118 metros cadrados, que complementa ao existente na fachada oposta, de 131 metros cadrados. En ámbolos foi renovado o pavimento de caucho existente.

Pola súa banda, os traballos de remodelación do espazo máis antigo comprenden o cambio de pavimento en linóleo no interior das edificacións: aula, vestíbulos, despachos e no repintado de todos os parámetros interiores.

De xeito paralelo, o Concello de Outeiro executou unha obra complementaria, consistente na mellora da cuberta en panel de sándwich, que iguala todo o edificio, asentando as condicións de illamento e impermeabilización, e mellorando a evacuación de augas pluviais.

Outra das características máis destacables da escola é que é practicamente autosuficiente desde o punto de vista enerxético. O complexo dispón dunhas placas fotovoltaicas que, en condicións normais, permiten soster o consumo en enerxía eléctrica e calefacción.

ÚLTIMAS

O BNG urxe ao Goberno a cumprir o pactado e crear xa o xulgado de violencia de xénero en Lugo: “As demoras son inxustificadas”

O Bloque Nacionalista Galego instou ao Goberno do Estado a "acelerar" os trámites necesarios...

Expulsan a tres alumnos dun colexio de Lugo por un novo caso de acoso escolar

Un centro escolar de Lugo expulsou a tres alumnos tras detectar un posible caso...

Dous detidos en Lugo por unha vaga de roubos en furgonetas: así actuaban os ladróns do cristal triangular

A Policía Nacional detivo en Lugo durante a fin de semana a dous homes...

Lugo paraliza as obras do edificio que ía acoller a menores migrantes por falta de licenza urbanística

O Concello de Lugo ordenou a suspensión inmediata das obras que se executan no...