InicioEconomíaLugo Monumental plántalle cara á Xunta por pedir o certificado COVID...

Lugo Monumental plántalle cara á Xunta por pedir o certificado COVID para a hostalaría

HOSFEGA "considera" demandar pero outras asociacións provinciais prefiren actuar con "precaución": "máis vale malo coñecido que bo por coñecer"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Asociación de Empresarios Lugo Monumental impugnou este martes ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, algunhas das medidas acordadas pola Xunta de Galicia nas últimas semanas respecto ao sector da hostalaría, entre as que se atopa a petición do certificado COVID.

Tal e como explicou a asociación, a demanda ante o TSXG reuniu a varias ducias de hostaleiros, “que ven que se lles prexudica gravemente sen que as medidas impugnadas teñan o menor sentido para loitar contra a pandemia“, un fin no que, segundo recalcaron, “todos os hostaleiros están de acordo, como non pode ser doutra forma”.

“Esta pandemia é a orixe de todos os problemas e vencer a progresión de contaxios é a verdadeira guerra en que todos temos que estar unidos. Non se trata de ter que elixir entre saúde e economía, xa que temos claro que debe primar a protección dos cidadáns por enriba de todo”, subliñou Lugo Monumental.

Con todo, a asociación puntualizou que “algunhas das medidas adoptadas nos últimos tempos non responden a criterios sanitarios, senón a cuestións mesmo discriminatorias cara a certo tipo de locais”.

O CERTIFICADO COVID NON É “COHERENTE”

A principal crítica de Lugo Monumental céntrase na petición de certificados COVID en interiores, que a asociación non apoia por unha cuestión de “coherencia”. “Consideramos que supón varios conflitos relativos á protección de datos –sobre todo nun asunto tan sensible como a saúde–, a intimidade das persoas e mesmo co puro sentido común xa que se esixe aos clientes pero non aos traballadores, o que rompe pola base o sentido da iniciativa”, explicaron.

A este respecto, a asociación ve “discriminación” con certos locais, concretamente os de lecer nocturno, “que non só estiveron pechados durante meses, senón que fixeron importantes investimentos para adaptar os seus locais”.

“Atopámonos con absurdos como que a terraza dun local de lecer nocturno ten que pedir certificado de vacinación ou PCR negativa –só nos niveis baixos e non no alto ou o extremo, o que tamén é un contrasentido– pero na dunha cafetaría non. Se se pretende influír sobre comportamentos nocturnos, o razoable sería decretar as medidas en función de horarios e non do tipo de local de que se trate“, criticou a asociación, que tachou a medida de “inaceptable prexuízo”.

CAUTELA ANTE AS CONSECUENCIAS

Con todo, a postura adoptada por Lugo Monumental non é a maioritaria entre os hostaleiros galegos, que se mostran “cautos” e “precavidos” respecto de posibles demandas e as súas consecuencias.

“É unha situación complicada. A alternativa a non pedir os certificados COVID é pechar, así nolo trasladou no seu momento a Consellería de Sanidade. Non estamos de acordo con exercer de ‘policía’, pero máis vale malo coñecido que bo por coñecer”, dixo o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, que fixo fincapé ademais, no “exercicio de responsabilidade” que todos deben facer fronte a unha quinta onda “brutal”.

“Non nos atrevemos a dar ese paso porque se o facemos, e noso pechan, fraco favor facemos aos hostaleiros”, sinalou Cañete. Uns termos nos que tamén se expresou o presidente dos Hostaleiros de Ourense, Ovidio Fernández. “Se tes dúas situacións malas enriba da mesa, mellor será escoller a menos mala”, indicou Fernández, que recalcou ademais que “a administración fixo o posible para non pechar a hostalaría”.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra, César Ballesteros, mostrouse “cauto” respecto dunha posible demanda, aínda que comentou que “a posibilidade se sopesa constantemente”.

“Os papeis están preparados, pero preferimos esperar porque todo cambia moi rapidamente e é moi complicado; debemos ser responsables e cautos. Gañar unha demanda deste tipo podería volverse contra nós se finalmente decidisen pechar a hostalaría. Preferimos estar abertos con dificultades a pechar”, explicou Ballesteros.

HOSFEGA “CONSIDERA” A DEMANDA

Con todo, Hostalaría Federada Galega (HOSFEGA), asociación recentemente creada e crítica coa Federación Galega de Hostalaría, si “considera” a idea dunha demanda, aínda que tal e como sinalou a súa presidenta, Elena Vitoria, “estar aínda en proceso de constitución leva dificultades xurídicas”.

Vitoria matizou que non están “en contra da medida en si” –certificados COVID–, pero si “da súa aplicación”. “A medida non é incorrecta, a vacinación ten que servir para algo, pero non nos poden pedir aos hostaleiros que a exerzamos con todas as implicacións xurídicas que trae respecto de Lei de protección de datos, por exemplo”, declarou Vitoria que, ademais, “non entende a capacidade en interior ou o peche do lecer nocturno se se van a pedir os certificados COVID”.

CONSENSO EN AMPLIAR TERRAZAS

No que si parecen estar todas as asociacións de acordo é na ampliación da capacidade nas terrazas. “Se un local ten dúas mesas e unha está a 100 metros da outra, que lóxica ten obrigarlle a eliminar unha delas?. Parece obvio que nunha instalación ao aire libre a capacidade é irrelevante sempre que se respecten as distancias de seguridade”, sinalou Lugo Monumental no seu comunicado.

É por isto que a asociación lucense pediu que o criterio se basee “necesariamente” nas distancias entre mesas, xa que desa forma os empresarios podería solicitar aos seus concellos a ampliación do espazo a utilizar, “poderíanse manter as mesmas mesas e, con iso, paliar a redución de capacidae no interior dos locais”.

O presidente dos hostaleiros coruñeses apoiou esta petición, e o dos pontevedreses, Ballesteros, foi mesmo máis aló e pediu que en interiores se teña en conta “a distancia entre comensais e non a capacidade do lugar”.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...