A Deputación de Lugo lanza unha nova liña de axudas “para apoiar no impacto da pandemia sobre todo á hostalaría, ao turismo e ao comercio local”, dirixida a entidades sen ánimo de lucro que se localizan nos “territorios da Reserva da Biosfera”, por un importe de máis 80.000 euros.
Así o anunciou a deputada de Turismo, Pilar García Porto, tras a xunta de goberno provincial. Distribúense entre esas entidades nas dúas Reservas da Biosfera, que xestiona a Deputación, e que conviven na provincia de Lugo; Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
García Porto precisou que “é a primeira vez que se convocan (as axudas) que teñen como obxectivo o desenvolvemento de actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao medio rural para a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios”.
En concreto, indicou que se trata de dúas liñas “ben diferenciadas; a primeira destinada a execución de accións no territorio da reserva Terras do Miño e son 45.000 euros, neste caso son 26 os concellos que forman parte desta reserva” e “unha segunda liña para a reserva Ancares Lucenses, que conta con 38.000 euros e que comprende tres municipios; Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna”.
“Cada entidade que opte a estas axudas vai poder solicitar unha subvención que vai desde os mil euros e ata os dez mil euros. E unha vez publicadas no Boletín Oficial da Provincia ábrese un prazo de dez días hábiles para que se presenten as peticións”, concretou a deputada de turismo.
LUGO TERMAL
Á súa vez, na Xunta de Goberno acordáronse “as bases para a selección das persoas que serán beneficiadas dos bonos” para o programa Lugo Termal. Este ano “como novidade”, sinalou, introdúcese “un aumento no rango de idade dos beneficiarios do programa”, nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei, e así “poderán participar maiores de cincuenta anos, cun acompañante que non teña necesariamente esa idade”.
En total “son 1.300 prazas nos tres balnearios, divididas en dúas modalidades; por unha banda tratamentos con estancia e tratamentos sen estancia”, comentou. Neste contexto, Pilar García Porto precisou que para os primeiros tratamentos con estancia convócanse mil prazas, para estancias de seis días e cinco noites, “e un mínimo de 15 técnicas termais” a un “custo máximo”, engade, de 250 euros “por persoa e estancia”, para o que achega a Deputación 60,5 euros. Xa para sen estancia, son 320 as prazas, “para un mínimo de trinta técnicas”, en 10 días e a un prezo de 200 euros.