InicioEconomíaUU.AA estima perdas de "500 euros de media" para as 120 explotacións...

UU.AA estima perdas de “500 euros de media” para as 120 explotacións afectadas polos cortes de luz

O sindicato agrario reclamará indemnizacións para as granxas afectadas, na súa maioría en Baleira, Castroverde e O Corgo. A Federación de Veciños de Lugo demanda "sancións exemplares" para as eléctricas e que a Xunta controle os seus servizos

PUBLICADA O

- Advertisement -

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA) estima unhas perdas de 500 euros de media para as 120 explotacións da provincia de Lugo afectadas polos cortes de luz durante o temporal do pasado fin de semana.

Diso informou o secretario xeral de Unións, Roberto García, que este xoves anunciou que os servizos xurídicos da organización agraria estudan denunciar ás eléctricas pola súa “mala operatividade”.  García concretou que a organización se atopa en fase de contacto cos afiliados “que sufriron danos” de cara a iniciar o procedemento legal para reclamar indemnizacións polos gastos derivados dos cortes de luz.

Así, Unións Agrarias estima que na provincia de Lugo se viron afectadas “unhas 120 granxas” dos municipios de Baleira, O Corgo e Castroverde, que estudan presentar reclamacións ante a empresa Naturgy.

“Chama poderosamente a atención que as industrias eléctricas reciban axudas públicas para manter en bo estado as liñas e vemos como cada vez que se complica un pouco o tempo termina habendo horas e horas sen enerxía, o que dificulta a actividade de centos de explotacións para facer, entre outras, labores de muxido”, sinalou Roberto García.

A SOLUCIÓN? OS XERADORES

O responsable do sindicato puxo o acento en que “sen ser un gran temporal”, os cortes afectaron a varios municipios lugueses que causaron perdas “non só polo número, senón polas horas que tardou en restablecerse a subministración”. Isto provocou “danos non só no almacenamento de alimentos, senón no propio funcionamento das explotacións, que se viron obrigadas a ter que alugar grupos electróxenos”.

Así as cousas, Unións estima que, “sen valorar o que tivesen nos seus frigoríficos ou conxeladores”, os gastos derivados destes episodios foron dunha media de “500 euros” que tiveron que destinar ao aluguer de equipos para ter electricidade. Ademais, “ao afectar a zonas concretas e a moitas explotacións á vez xérase unha seria dificultade para poder acceder a equipos de aluguer. É unha situación realmente grave”, incidiu.

VECIÑOS PIDEN “SANCIÓN EXEMPLAR”

Pola súa banda, o presidente da Federación Veciñal de Lugo, Jesús Vázquez, tachou de “impresentables” ás eléctricas, para as que pide á Xunta que lles aplique “unha sanción exemplar” polo ocorrido nos últimos días. Ademais, reivindica que o Goberno galego debe “controlar periodicamente” as súas prácticas, xa que “non cumpren coas súas obrigas no mantemento das liñas para darnos un bo servizo, polo que cobran moito e que realmente non dan”.

Vázquez apelou aos “efectos devastadores” deste “morno temporal” que causou que veciños da provincia estivesen “ata catro días sen luz”. “Tivo un efecto xeograficamente falando moi importante, cunhas consecuencias de falta de luz de tres ou catro días, de falta de calefacción, de falta doutros servizos como Internet. As perdas son cuantiosas”, subliñou Jesús Vázquez.

ÚLTIMAS

Arden dous edificios no centro de Rábade

Un incendio calcinou dous edificios de dúas plantas no centro do municipio de Rábade...

Denunciado en Lugo un condutor baixo os efectos do alcol, que se saíu da vía e chocou contra un sinal

Axentes da Policía Local de Lugo denunciaron a un condutor que deu positivo no...

Falece un universitario de 21 anos con raíces na Fonsagrada na Facultade de Filosofía de Valladolid

Un universitario de 21 anos e con raíces no municipio lucense da Fonsagrada faleceu...

O Río Breogán colaborará con ADOS e a Deputación de Lugo para promover as doazóns

O Río Breogán, equipo lugués da máxima categoría do baloncesto español, promoverá esta semana...