InicioSociedade'Eramos Poucos': o relato sobre o que foron, o que son e...

‘Eramos Poucos’: o relato sobre o que foron, o que son e o que queren ser na Montaña lucense

Como evolucionaron os concellos de Baleira, As Nogais e Cervantes? Cales son as súas problemáticas e cales as súas oportunidades? O xornalista friolés Álex Vázquez explora estas cuestións no proxecto multimedia que vén de presentar como Traballo de Fin de Máster.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xornalista Álex Vázquez (Narla – Friol, 1997) di non ter moi claro se anda detrás das historias ou se son as historias as que andan detrás del. O caso é que xoga a pillalas e a darlles forma, como vén de facer agora con ‘Eramos Poucos’, un proxecto web sobre a evolución socio-económica da Montaña de Lugo.

“Eu tamén nacín nunha zona na que eramos poucos e, ao contrario ca no dito popular, agora somos aínda menos“, di para explicar o título da reportaxe multimedia, que acaba de ser presentada como Traballo de Fin de Máster na Facultade de Comunicación da USC. O proxecto non xorde por sorpresa, senón que conflúe do seu interese por explorar o despoboamento rural —como xa fixera cunha serie de fotografías no Instagram— e outro traballo previo co que visitara a comarca dos Ancares (Entrelinguas).

EXPERIENCIA INTERACTIVA

O xornalista Álex Vázquez nos Ancares | entrelinguas.gal

Dende a súa perspectiva de xornalista mozo, entende que os medios de comunicación non sempre lle dan unha cobertura mediática ampla á Montaña de Lugo. “E está ben falar dun mesmo, do que se vive e do que se é”. Así, en ‘Eramos Poucos‘ constrúe un relato sobre o que foron, o que son e o que queren ser nos concellos de Baleira, As Nogais e Cervantes.  

“Como evolucionou esta zona? Cales son as súas principais problemáticas? Existen oportunidades?”, preguntouse ao inicio da súa andaina. Estas cuestións vanse respondendo a través de mapas históricos que amosan a vista de paxaro os cambios que trouxeron canda si a autovía A-6 ou a estrada N-VI. Completan o cadro varias infografías e as voces dos verdadeiros protagonistas —as veciñas e veciños— recollidas nun vídeo interactivo.

CAMIÑOS DE FUTURO

“Alí a xente ten moita vontade de que o seu concello tire para adiante. Hai moitos proxectos e asociacións para dinamizar a zona”, sostén Vázquez. A vía Künig, o turismo sostible e de natureza ou a posta en valor do patrimonio son algúns dos camiños que se abren como “potencialidades”, máis alá do momento presente no que a “falta de recursos e infraestruturas” lastran unha comarca especialmente afectada pola caída demográfica.

Pero como Álex é amigo de darlle unha volta a todas as expresións, conclúe o traballo cunha frase que reflicte o alento da Montaña lucense: “a esperanza é o primeiro que se garda”.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Eramos poucos… (@eramos.poucos)

ÚLTIMAS

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

Acepta 10 anos de prisión por dúas violacións, pero só cumprirá seis meses antes de ser expulsado do país

Un home de nacionalidade colombiana confesou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo ser...

Detido en Lugo por apuñalar a outro home tras unha discusión na rúa

A Policía Local de Lugo detivo a un home por apuñalar cunha navalla a...

Toma posesión a nova presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

A maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas tomou este xoves posesión como presidenta da Audiencia...