InicioSociedadeLugo, Vigo, Ferrol e Pontevedra recoñecen os malos datos sobre COVID nas...

Lugo, Vigo, Ferrol e Pontevedra recoñecen os malos datos sobre COVID nas súas áreas

Os rexedores tamén garantiron que acatarán con "lealdade" as medidas que impoña o comité clínico se son necesarias.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os alcaldes de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra mantiveron este xoves encontros co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que lles trasladou a preocupación da Xunta polos malos datos de evolución do coronavirus nestas áreas, algo que os rexedores tamén constataron, á vez que garantiron que acatarán con “lealdade” as medidas que impoña o comité clínico se son necesarias.

Así, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que, tras “pasar revisión” aos datos da pandemia co conselleiro, constatou que a situación na cidade “está a empeorar” e que a incidencia, situada hai uns días en 220,7 casos por 100.000 habitantes, está a aumentar a razón de “20 ao día”. “Levamos moitos días cos contagios aumentando de forma continuada e, aínda que é certo que comparado con outras cidades estamos singularmente por baixo, seguimos empeorando”, afirmou, e engadiu: “O virus está a entrar en Vigo con forza e, sen prudencia, ímolo a pagar en vidas e na economía”.

Neste contexto, e despois de que o conselleiro lle trasladara a posibilidade de que o comité clínico aposte por medidas restritivas, o rexedor olívico aseverou que vai avalar ” e apoiar” calquera medida ditada pola autoridade sanitaria, desde a “lealdade”, porque “o primeiro é a saúde da xente de Vigo”.

Ademais, volveu a facer un chamamento á “prudencia” e a “responsabilidade” dos cidadáns, para adoptar todas as medidas de prevención e respectar o uso das máscaras, o lavado frecuente de mans e a distancia social.

Por outra banda, Abel Caballero trasladou a Julio García Comesaña a súa demanda de que se incrementen as probas PCR que se fan cada día, e de que se duplique o número de rastreadores (e se axilice a súa actuación).

Ademais, incidiu, é necesario reforzar a Atención Primaria na cidade, porque está “complemente saturada” e os seus profesionais “desbordados”, e ofreceu espazos, se fosen necesarios, para que se poida illar a persoas contaxiadas que non necesitan hospitalización.

Segundo os últimos datos publicados polo Sergas (actualizados ás 18,00 horas deste mércores), en Vigo hai 1.624 casos activos de COVID-19. Ademais, 74 persoas permanecen hospitalizadas, das 8 están en Unidades de Coidados Intensivos.

CHAMAMENTO Á PRECAUCIÓN EN LUGO

Pola súa banda, noutro encontro, os responsables de Sanidade trasladaron á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que a incidencia na cidade sitúase ao redor dos 341 casos por 100.000 habitantes, “un pouco por encima da media galega” e na liña das cidades da comunidade, segundo indicou ela mesma.

Méndez recoñeceu que estes datos, “evidentemente, non son bos”, polo que pediu aos cidadáns que teñan “a máxima cautela e precaución” ante o virus.

A “previsión” da Xunta, apuntou a alcaldesa, é que “pode ser que se aumenten as restricións” para frear a segunda onda de contagios, polo que a rexedora volveu a “incidir na responsabilidade individual para o éxito colectivo” e garantiu o seu cumprimento. “É imprescindible a colaboración de todos para controlar a pandemia”, ratificou.

Así mesmo, desde o Concello de Pontevedra confirmaron que o conselleiro informou este xoves ao alcalde de que “o número de positivos está a aumentar” na cidade, polo que “é posible que se adopten outras medidas restritivas”. A día de hoxe, a cidade do Lérez ten 329 casos activos, cun incremento de 24.

EVOLUCIÓN “PREOCUPANTE”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, admitiu tras a reunión con Sanidade que a evolución do coronavirus neste municipio nos últimos días “é preocupante, debido á incidencia e á porcentaxe de positivos no test PRC practicados”, así como outros indicadores que manexa a Xunta e que hai “crecido por encima” do habitual.

Mato lembrou que será “a Dirección Xeral de Saude Pública e o comité clínico” os que tomen este venres decisións respecto diso, polo que non descarta que “se poida tomar algún nivel de restrición maior”.

“Tal e como vin facendo estes últimos días e meses, estou a disposición da Consellería de Sanidade para, a través dos servizos municipais e do ámbito das nosas competencias, poder apoiar ao resto de Administracións para facerlle fronte á pandemia”, ratificou Ángel Mato.

ÚLTIMAS

Arden dous edificios no centro de Rábade

Un incendio calcinou dous edificios de dúas plantas no centro do municipio de Rábade...

Denunciado en Lugo un condutor baixo os efectos do alcol, que se saíu da vía e chocou contra un sinal

Axentes da Policía Local de Lugo denunciaron a un condutor que deu positivo no...

Falece un universitario de 21 anos con raíces na Fonsagrada na Facultade de Filosofía de Valladolid

Un universitario de 21 anos e con raíces no municipio lucense da Fonsagrada faleceu...

O Río Breogán colaborará con ADOS e a Deputación de Lugo para promover as doazóns

O Río Breogán, equipo lugués da máxima categoría do baloncesto español, promoverá esta semana...