Anda meu irmán moi preocupado estes días por vivir grandes historias aleatorias para contarlles aos seus futuribles netos o día de mañá. Se non fai as fateadas agora que é mozo, cando as vai facer?, pregúntase o demo do rapaz. Xa se sabe: o que de novo non tolea, de vello perde a cabeza. E a situación axuda.
O domingo previo á entrada na fase 3, antoxábaselle coller o coche e marchar ás dez e pico da noite cara a Santiago de Compostela. O rapaz, aduaneiro coma el só, quería chegar aló, ver a catedral e media volta para a casa sen máis dilación. “Se marchamos agora, á medianoite xa estamos no límite entre Palas e Melide, e xa podemos cruzar”, rosmaba.
DESCUBRIR O QUE HAI A CARÓN
Non fomos, claro. Pero ao día seguinte o home seguía coa teima de arrincar no coche e emprender viaxe. Accedín. Era xa contra a noite, así que o traxecto foi pequeno, como todos os que probablemente nos agardan neste verán estraño. Acabamos no bico dun monte próximo, pragado de novos xigantes brancos aos que a cabeza lles daba máis voltas ca ao Quixote ao imaxinalos.
Así eramos: coma don Quixote e Sancho Panza polo medio daqueles muíños monstruosos. Nós coa cachola a medio amañar por mor das semanas de confinamento; eles, temibles e artificiais.
Foi como aquela volta á casa en oitenta horas durante a corentena, pero desta vez cun radio de acción máis amplo. Gustounos a experiencia. Aquel lugarín entre Baleira, Castroverde e Baralla tiña boas vistas e unha fantástica primeira fila para o solpor. A un lado albiscábase Lugo; ao outro, imaxinamos os montes dos Ancares. Turismo de proximidade para unhas vacacións afastadas do habitual. “Ves como ás veces hai que facer cousas así, sen planealas?” E o Quixote da miña casa tiña razón.
[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ —agora Diario de desescalada— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]