Axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo denunciaron a un veciño deste municipio por deixar saír só ao seu can á rúa, a pesar de estar permitido sacalo no marco do estado de alarma, e non mantelo en “condicións hixiénico-sanitarias adecuadas”.
Segundo relatou a Policía Local, o pasado 10 de abril, axentes procederon a levantar acta-denuncia ao dono dun can “por non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente á vía pública” e non mantelo en “condicións hixiénico-sanitarias adecuadas nin presentar a documentación” do mesmo.
Os feitos, explicaron as mesmas fontes policiais, ocorreron cando unha patrulla detectou nunha zona axardinada da cidade “un can solto e sen control” de raza Bulldog Francés, sen que estivese presente o propietario ou responsable do animal.
INTERVENCIÓN CIRÚRXICA
Os axentes localizaron á persoa responsable do can no interior do seu domicilio, quen alegou que o deixaba saír á rúa sen custodia pola situación de crise sanitaria. Os policías lembráronlle que esa actividade “está autorizada”.
Ademais, observaron que o can presentaba “unha hernia perineal”, polo que requiriron ao responsable que o trasladase ao Hospital Veterinario para a súa “inmediata atención”. A Policía Local ratificou que o animal quedou ingresado para unha intervención cirúrxica.