InicioPolíticaA Intermodal de Lugo, escusa perfecta para a confrontación política

A Intermodal de Lugo, escusa perfecta para a confrontación política

Adoita dicirse que en política non todo vale, pero este proxecto a tres bandas ofrece incentivos para a deslealdade e a evasión de responsabilidades

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este luns volveu a escenificarse a complexidade do proxecto da Intermodal de Lugo, unha iniciativa compartida por Adif, Xunta e Concello. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, apremiou este luns a que o goberno local outorgue conformidade ao anteproxecto presentado en marzo, que concibe un edificio dunha única altura. Cuestionada por esta solicitude, a alcaldesa Lara Méndez replicou que agardan a que o departamento autonómico delimite os terreos que deberá aportar a corporación municipal.

Este convenio marco foi acordado en febreiro en Madrid, en reunión con Adif. En esencia, supoñía a cancelación do concurso realizado en 2010, pola “dificultade de execución e a deficiencia na funcionalidade e intermodalidade” da proposta vencedora. Os técnicos da Xunta traballaron na alternativa para a integración da estación de autobuses e elaboraron un estudo sobre o que se basearía o novo anteproxecto.

O concepto adoptado foi o dun único edificio que aproveitara a superficie dispoñible e irmandara todos os servizos no mesmo nivel, permitindo acometer as diversas actuaciones por separado. Este renovado consenso supoñía, en palabras de Méndez, o único xeito de “garantir a chegada do AVE” á cidade amurallada. Así e todo, a colaboración quedou no aire por mor dos Presupostos Xerais do Estado aprobados en maio.

Reunión de febreiro en Madrid entre os responsables do Ministerio de Fomento, Adif, Xunta de Galicia e Concello de Lugo | Adif

O Partido Socialista denunciou entón que as contas supoñen “cero euros” para a Intermodal. “Ninguén falou de prazos, orzamentos ou publicacións no BOE, a resposta é vencellar todo á licitación dun anteproxecto sen máis que boas intencións” dixo o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos. Sen partida para que Adif remodele a estación, o escenario para o inicio das obras queda alomenos para 2020.

Sorprende o recado da conselleira cando é a Secretaría Xeral Técnica de Infraestruturas a que ten que dar o seguinte paso. Segundo indicou o responsable local sobre este eido, Daniel Piñeiro, o Concello leva dende o 23 de maio intentando contactar con este departamento para coñecer a afectación sobre os terreos, o reparto de funcións e a futura titularidade.

Por outra banda, a falta de medios de Adif para iniciar a remodelación da estación de trens complica a tarefa da Xunta, que asume a construcción das dársenas, o edificio para viaxeiros e o aparcadoiro subterráneo, para un investimento total de 6,3 millóns de euros. Así as cousas, as présas da Consellería de Infraestruturas semellan fóra de lugar cando o borrador aínda contén carencias técnicas e legais. Está por ver se os novos responsables do Ministerio de Fomento acadan algún avance na situación da Intermodal, un proxecto paralizado dende os tempos en que o titular era José Blanco.

ÚLTIMAS

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia xa é Ben de Interese Cultural

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo este domingo,...

O alcalde de Lugo Miguel Fernández toma as rendas do PSOE local

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi elixido secretario xeral do PSOE local, en substitución da edil...