InicioSociedade"Enfermar en Lugo é peor ca poñerse malo na Coruña"

“Enfermar en Lugo é peor ca poñerse malo na Coruña”

O PSdeG levou a pleno unha moción para aumentar o persoal e os horarios das ambulancias de Foz e Monforte. "Parece que hai doentes de primeira e de segunda", criticaron. A iniciativa foi aprobada por unanimidade, pero houbo certas discordancias: o PP asegurou que nunca se destinaron tantos recursos á sanidade, mentres que o BNG tirou de ironía para preguntarlles se querían un aplauso por ter hospitais. "É a súa obriga".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os recortes na sanidade pública da provincia de Lugo estiveron presentes na sesión plenaria celebrada este 29 de outubro na Deputación Provincial. O grupo socialista presentou unha moción para reclamar melloras na dotación de persoal sanitario e nos horarios das ambulancias de Foz e Monforte. “Parece que hai certa fixación coa sanidade lucense. Parece que temos horarios para enfermar diferentes ao resto”, lamentou o PSdeG.

A iniciativa do PSdeG para demandar esas melloras foi aprobada por unanimidade. Así e todo, houbo discordancias entre os deputados duns e doutros grupos. A fío dos recortes no servizo de ambulancias deses dous concellos, a deputada socialista Pilar García Porto puxo de manifesto un tratamento “diferente” aos lugueses: “Parece que hai doentes de primeira e de segunda clase”.

O nacionalista Efrén Castro tamén se sumou a esta consideración e criticou que a Xunta de Galicia “saque a calculadora” para tomar decisións en materia de sanidade. “Como os de Lugo somos os que somos e non merecemos a pena…”, deixou caer como crítica á “política privatizadora” de Feijóo.

“AO MELLOR QUERE QUE LLE APLAUDAMOS Á XUNTA POR TER HOSPITAIS”

“É unha catástrofe”, asegurou Castro, logo de que o PP negara problemas neste servizo público. Non só iso, senón que Javier Castiñeira (PP) presumiu dunha lista de medidas implementadas pola Xunta de Galicia nestes últimos dez anos. “Nunca tantos recursos destinou un goberno da Xunta á Sanidade“, asegurou.

A fío disto, o nacionalista Efrén Castro aproveitou a súa quenda de palabra para retrucarlle con ironía: “Ao mellor quere que lle deamos un aplauso á Xunta por ter hospitais. É a súa obriga“. Ademais, retomou o argumento de García Porto e engadiu que “ter un accidente ou poñerse enfermo na provincia de Lugo é peor ca que iso pase na provincia da Coruña”.

OS CASOS DE FOZ E MONFORTE

O debate xerouse a raíz da situación do servizo de ambulancias de Foz e Monforte. Estes vehículos medicalizados deberían contar cunha dotación completa e formada por catro traballadores: dous técnicos, un médico e un enfermeiro. Porén, nestes casos, o persoal viuse reducido e tan só contan cun técnico. O labor deste segundo técnico é esencial e pode salvar vidas, lembrou García Porto. Os populares amosáronse de acordo neste punto e mesmo insistiron en que a necesidade de ter ese apoio de persoal é “imperiosa”.

Por outra banda, tamén se abordou a cuestión da redución do horario de asistencia: de 24 a 12 horas. Pídese que o horario se estenda durante todo o día e toda a noite, porque “parece que os lucenses temos horarios para enfermar”.

Malia que o PP considera “boísimo” o actual funcionamento do servizo de ambulancias de Foz, anunciaron o seu voto a favor da moción para “seguir mellorando”. “Queremos melloras para a comarca da Mariña e, por suposto, para a de Monforte”, engadiu.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...