InicioMedioambiente e PatrimonioPrimeiros resultados dos arqueiros de Lugo: once xabarís capturados

Primeiros resultados dos arqueiros de Lugo: once xabarís capturados

"Foi a medida máis efectiva", din dende a Xunta, ao tempo que xustifican que "non se trataba de matar por matar".

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE.- O plan especial que se puxo en marcha para acoutar a poboación de xabarís na contorna periurbana de Lugo xa obtivo os primeiros resultados. Segundo datos da Xunta, os arqueiros dispostos para disparar frechas a estes animais lograron capturar once exemplares en 45 esperas nocturnas.

O balance fíxose público esta mañá da man da directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, Belén do Campo; o delegado territorial, José Manuel Balseiro; e a xefa provincial de Medio Ambiente, Margarita López. Entre os tres valoraron os efectos desta medida tomada a raíz do desacougo social pola presenza de xabarís nas rúas da cidade que, á parte de andar libremente por zonas verdes, tamén teñen provocado algún accidente de tráfico.

Así, explicaron que entre os meses de marzo e xuño, os arqueiros avistaron  medio centenar de exemplares nun total de 131 horas de esperas nocturnas. “Foi a medida máis efectiva”, asegurou Do Campo, porque “sen dúbida mitigouse a presenza de xabarís nas rúas e parques de Lugo.

Segundo un estudo previo á aplicación do plan de control, na zona de exclusión próxima á cidade, con cinco tecores de caza, a poboación inicial de xabarís roldaba os 770 exemplares. Polo tanto, a “cota máxima de extracción sustentable” quedou fixada en 231 súidos, unha cifra equivalente ao 30%. Os tecores abateron 152 xabarís, de xeito que había marxe para capturar ata 79 exemplares. Margarita López e Belén do Campo fixeron fincapé en que se conseguiu afastar a poboación con cazar “só” once súidos. “Non se trataba de matar por matar”, engadiron.

Menos efectivas foron en cambio outras medidas, como a de colocar gaiolas-trampa na contorna da cidade, dado que en 19 días, entre o 8 e o 26 de marzo, non capturaron ningún exemplar. Seguramente teña que ver niso a súa proximidade á cidade e o feito de que os porcos bravos detectasen “a presenza do home”.

A directora xeral lamentou que tampouco haxa “boas noticias” en relación con outra medida fundamental, concretamente a que consiste en manter limpas de maleza as leiras que utiliza esta especie para encamar. Lembrou que a Xunta de Galicia chegou a enviarlle ata cinco comunicacións ao Concello de Lugo, porque entendía que son “necesarias máis rozas”, posto que esta “sería unha das medidas máis efectivas”.

No balance tamén se incluíron os prexuízos causados por estes porcos bravos en toda a provincia no que vai de ano. Estes animais provocaron 490 accidentes de tráfico e motivaron ata 1.000 avisos por mor de danos nos cultivos agrarios.

UNIÓNS AGRARIAS

Pola súa parte, o sindicato Unións Agrarias (UU.AA) non fai unha valoración positiva da situación. Lamentan que Medio Ambiente siga “sen poñer sobre a mesa un plan eficaz” que poña fin aos danos que causan os xabarís no medio rural de forma continuada.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo contará cun xulgado especializado en violencia machista por “demanda histórica”

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, destacou en Lugo que o Goberno...

A Deputación destina 70.000 euros para mellorar a mobilidade en Negueira, O Vicedo e Muras

A Deputación de Lugo anunciou estes venres novos investimentos por un importe conxunto que...

Declaración polo 8M da Deputación de Lugo centrada nas mulleres que “sosteñen a administración local”

A Xunta de Voceiros da Deputación, convocada este xoves pola Presidenta Carmela López, aprobou...

A Deputación contará con dezaseis novos empregados públicos que xa tomaron posesión

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, deu este venres a benvida a...