Home Lugo e contorna Lugo Rajoy dará un paseo por Lugo co candidato do PP no último día de campaña

Rajoy dará un paseo por Lugo co candidato do PP no último día de campaña

0
Rajoy dará un paseo por Lugo co candidato do PP no último día de campaña
Mariano Rajoy / Europa Press.

O ex-presidente do Goberno Mariano Rajoy participará este venres no peche de campaña do PP en Lugo para arroupar o candidato á Alcaldía, Ramón Carballo.

O que fóra ata fai menos dun ano presidente do PP estatal estará na mañá da última xornada de campaña acompañando a Carballo nun paseo pola cidade. Será a pegada que o ex-presidente de España deixará na cidade, antes de desprazarse á provincia de Ourense, onde terá varios actos de fin de campaña.

Así, xa pola tarde, Rajoy desprazarase ata Ourense para facer un percorrido pola cidade xunto co rexedor e candidato á reelección, Jesús Vázquez Abad.

Posteriormente estará nos municipios ourensáns de Celanova e Xinzo, onde si participará en mitins de peche de campaña da man das respectivas candidaturas populares e do presidente do PP provincial, Manuel Baltar.

O presidente de honra do PP de Galicia reaparecerá no país despois de que o pasado venres 10 estivese prevista a súa presenza tanto en Lugo como en Ourense para dar o pistoletazo de saída á campaña. No entanto, debido ao falecemento aquel mesmo día do ex-vicepresidente do Goberno Alfredo Pérez Rubalcaba –socialista que foi rival seu nas xerais de 2011–, acabou suspendendo a súa axenda.

+ posts