O cura de Momán anuncia máis misas a carón das fochancas se a Deputación non arranxa a vía

Critica o alcalde de Xermade por "estar calado" e non reivindicar as melloras para o concello só por estar no ente provincial.

O cura de Momán e Labrada | UNED
O cura de Momán, Luis Rodríguez Patiño | UNED

O cura de Momán, Luís Rodríguez Patiño, dá de prazo á Deputación de Lugo ata o 19 de outubro para que se arranxe a estrada que une a parroquia de Xermade coas Pontes. De non iniciarse as obras, avanzou que o día 20 dese mes volverá celebrar outra misa reivindicativa en dita vía, como forma de protestar polo mal estado do firme.

Así, trataríase da cuarta misa que realiza para chamar a atención sobre o deixamento das administracións nas zonas rurais, e sería “en honra á Virxe das Dores, porque o 19 celébrase a Festa da Xuventude”, indicou. Nunha entrevista co Lugo Xornal, asegurara a respecto diso: “Ás veces teño que facer parvadas, pero é así como nos fan caso”

Rodríguez criticou ao rexedor de Xermade, Roberto García, con quen asegura ter “unha boa relación” a pesar de que neste momento está “asombrado” porque “como alcalde tería que reivindicar o mellor para o seu pobo e agora que é deputado socialista na Deputación está completamente calado”, argumenta.

DESATENCIÓN DO RURAL

O párroco mostrouse “moi cansado” coas ” fake news e as falsas promesas” dos políticos, que só actúan, dixo, “cando hai unha situación de alboroto no pobo”. Non dubida en recoñecer que está preocupado polo mal estado do vial e pregúntase “se están a esperar a que haxa mortes”.

O caso da vía de Xermade ten “un dobre agravante” para o cura, porque “os condutores veñen das Pontes nunha estrada que é case como unha autovía e sen sinalización algunha de que se estreita a vía, polo que calquera pode estrelarse”, comentou.

Finalmente, Rodríguez lamenta que “as administracións deste país teñen complemente abandonadas as zonas rurais, é o reflexo da Galicia rural abandonada e da España baleirada”, reprochou. “Teño irmáns vivindo no estranxeiro, no que aquí chamamos aldeas, por exemplo en Londres, e alí esas zonas teñen todos os servizos”, concluíu.

O cura de Momán, sobre a estrada: “Ás veces teño que facer parvadas, pero así é como nos fan caso”

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here