InicioSociedadeO cura de Momán, sobre a estrada: "Ás veces teño que facer...

O cura de Momán, sobre a estrada: “Ás veces teño que facer parvadas, pero así é como nos fan caso”

Luis Rodríguez Patiño é un párroco que non queda calado ante as inxustizas e precisamente iso é o que lle recrimina agora ao alcalde de Xermade: "Agora está calado porque é deputado provincial", di, en relación á polémica por esta vía da Deputación. Conversamos con el para falar deste asunto, pero tamén doutras cuestións sociais como as migracións, a homosexualidade ou o papel da Igrexa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Luis Rodríguez Patiño é o cura de Momán (Xermade), coñecido por criticar as inxustizas sociais aínda que estas naceran da propia Igrexa. “A min dáme igual contra quen protestar, tanto pode ser o PP, coma o PSOE, coma o Bloque, os bispos…”, asegura este sacerdote. Comprometido coa veciñanza das súas parroquias, ten denunciado en numerosas ocasións a situación da estrada de Momán —a LU-P-2204—, tema moi de actualidade. Falamos con el para coñecer de preto a súa postura, pero tampouco deixamos pasar a ocasión para abordar temáticas como a migración, a homosexualidade ou o papel da Igrexa.


LUGO XORNAL: Estes días está sendo moi comentada a situación da estrada de Momán, a LU-P-2204, que vostede cualificou de “desastroso”. Está especialmente implicado en denunciar as súas deficiencias e en trasladar as queixas veciñais.

LUIS RODRÍGUEZ PATIÑO: Eu estou implicado en denunciar todas as situacións que están mal nas aldeas. Neste caso tocou esta estrada, que é da Deputación e que xa é a terceira vez que solicitamos que a arranxen, pero hai outras da Xunta que tamén están igual. O anaco desta vía que pertence á Deputación da Coruña parece unha autovía, pero cando conectas coa de Lugo aquilo parece un camiño de vacas. É certo que amañaron uns poucos quilómetros, pero logo paralizaron todo.

A LU-P-2204, no límite de provincia | Cedida

LX: A Deputación argumenta que faltan as cesións de terreos dalgúns veciños, que sen iso non poden seguir adiante.

LPR: Iso paréceme absurdo. Alguén que ocupa un poder político xa sabe que ten que seguir uns trámites legais. Non valen os chanchullos. Que vaian ao rexistro, que miren os metros que ten esa estrada para saber cales son públicos e cales son dos paisanos. Se o paisano é propietario dalgúns metros que precisan para facer a obra, que lle ofrezan o prezo que corresponde segundo a lei. Se o paisano non acepta iso, que opten pola expropiación. Non hai que escapar da lei. Tanto que enchen a boca coa lei…

Esta estrada non é unha vía secundaria. Para eles [os políticos] si que o é, pero non para moitos usuarios, porque os conecta coas Pontes. Ese é o centro neurálxico da zona; hai moita xente que depende diso. Os propios camioneiros dábanme as grazas por denunciar porque dan moita volta para recoller o leite. Vén outro camión ou un coche e que fan? Ou o machacan ou se tiran para a cuneta. Eu coñezo de preto familias que perderon fillos en accidentes de tráfico. Non hai palabras para definir esa dor dun pai ou dunha nai. 

O que máis me doe é que a maioría destes políticos naceron nas aldeas e agora esquecen de onde veñen. Moitos deles subiron por arte de maxia a base de clientelismo. Deben ter pegamento no asento, que é o único que lles interesa neste país de pandeireta. Hai que facerlle caso á natureza, que é a máis sabia: que lle pasa a unha planta que esquece as súas propias raíces? Apodrece e morre ao cabo dunhas semanas. Iso é o que está pasando.

LX: Quere dicir que se esquecen da Galicia rural?

LPR: Claro, é que as aldeas son preciosas cando vés unha fin de semana, pero hai que coidalas todo o ano. Aquí parece que en vez de asentar a poboación, andan botándoa coma quen quere que só veñan a fin de semana. Onde están os nosos impostos? Quen os chupa?

LX: Por iso vostede pretende chamar a atención mediática e oficia misas un tanto peculiares? [O pasado domingo 18, o párroco botou unha misa ao pé das fochancas da calzada para “invocar a Deus” e pedirlle que mandase algún arquitecto que amañase o “desastre”]

LPR: Eu sei que moitas veces ao mellor teño que facer parvadas e cousas que igual non teñen sentido, pero así é como nos fan caso. Así é como consigo que os medios sexan o altofalante destes problemas. As lecturas dese domingo cadraron de marabilla, porque a segunda lectura advertía de que hai testemuñas que o están vendo todo. E así pasa!

O que se está facendo nesa estrada é o que está pasando en toda Galicia, ben sexa titularidade da Xunta, da Deputación ou dos Concellos. A Galicia interior paga impostos coma o resto e non se ven resultados. Por un lado, piden asentamento da poboación no rural e por outro lado paralízano. A xente viviría nas aldeas se tivese boas comunicacións! Vense carteis grandísimos falando da aposta polo rural, pero por que non empregan eses cartos en mellorar escolas ou estradas? Por iso ten sentido a segunda lectura: coidado, que sodes testemuñas!

O estado da LU-P-2204 | Cedida
“O ALCALDE DE XERMADE ESTÁ CALADO PORQUE É DEPUTADO”

LX: Comparaba antes o tramo da Coruña co anaco que pertence a Lugo. O presidente da Deputación preguntábase onte por que os veciños cederan os terreos na parte coruñesa pero non na lucense. Explicaba que o expediente destas obras non contemplaba a vía da expropiación e que facelo agora retrasaría moitísimo o procedemento.

LRP: Ás veces teño unha palabra que me sae moito nestes asuntos: merda! Retrasar, retrasar… Eles están xogando. Dáme pena Roberto [García], o alcalde de Xermade, que agora está calado porque é deputado provincial. Iso non pode ser! Un alcalde ten que pedir o máximo para o seu concello. A contestación que el me deu foi que tamén as estradas da Xunta están mal, pero iso non é escusa.

LX: Ten comentado que non lle gusta que utilicen a súa figura con fins políticos a fío destas situacións que denuncia. Cre que ocorre iso certamente?

O Evanxeo dicíao claramente: ‘acordaos de que yo no he venido a traer la paz al mundo, sino la guerra’. Non se refería á guerra en si, senón a que cando un fai algo para buscar o ben común, sempre vai haber alguén a quen lle fastidies os seus intereses. Antes os do PSOE dirían “ai, que bo cura, como loita!”, pero agora como non lles interesa… A min dáme igual contra quen protestar, tanto pode ser o PP, coma o PSOE, coma o Bloque, os bispos… Eu parto da base de que o dereito da vida é fundamental e, como sacerdote, teño que reclamalo.

Os do PP aproveitan agora a ocasión, pero eles tamén estiveron non sei cantos anos gobernando e tampouco fixeron nada. O delegado da Xunta tamén anda dicindo que amañen esta estrada. Que faga el o mesmo nas estradas da Xunta, como a de Cabreiros, que aínda está peor! Aproveitan a merda dos outros.

“A IGREXA SEMPRE QUIXO TAPAR VERGOÑAS”

LX: Sempre foi moi crítico coas circunstancias que cría inxustas. Estes días, por exemplo, houbo moita polémica arredor do tema dos migrantes do Open Arms. Vostede que xa se ten pronunciado acerca de cuestións de refuxiados, como ve este asunto?

LRP: Os gobernantes de España son ignorantes en canto ao seu pasado. España foi un país de migrantes.  Quen enviou máis migrantes a Latinoamérica? Hai quen di que os que marchaban de aquí ían con contratos. Os que podían si, pero outros igual non puideron.  Non se pode negar a entrada de ninguén; tampouco podo meter a máis xente da que colle, pero unha cousa non ten que ver coa outra, pódese controlar. Ademais, non se dan conta de que, se non veñen migrantes, as empresas acabarán pechando?  Eles tamén pagan o seu IVE cando mercan as cousas.

LX: Non só ten falado deste asunto, senón que foron ben sonadas as súas críticas contra a pederastia da propia Igrexa, a homofobia ou outras cuestións que denunciaba, por exemplo, nos seus peculiares Beléns de Nadal. Pódese dicir que é un alma rebelde dentro da institución eclesiástica?

LRP: Se ser rebelde é pedir que se respecten as persoas humanas e a súa integridade, pódesme chamar así. Eu non vou en contra da institución, eu vou poñendo o Evanxeo por diante. E se molesto a alguén, pois síntoo.  Pero é que a Igrexa sempre quixo tapar vergoñas. Cando eu cheguei a España logo de estar como misioneiro, alucinaba. Vía cada cousa… Por exemplo, o tema do celibato. Iso non se entende. Se queren impoñelo, que digan que é unha norma da Igrexa, non unha norma divina. Os curas casaron ata o ano 1397; despois prohibírono. A Igrexa é unha empresa, claro, e así non ten que alimentar familias.

Igual pasa co tema da muller. A Igrexa está violando o artigo 14 da Constitución [no que se fala da igualdade entre sexos]. Por moita institución que sexa iso non podería ser legal. Como cura e como eclesiástico, paréceme absurdo.

Lembro tamén cando critiquei a homofobia da Igrexa nunha representación do Nacemento. Pénsoo así. Un pai que ten un fillo homosexual igual se caga nel o primeiro día, pero o segundo xa non permite que o insulten, porque é o seu fillo. Pois a Igrexa tamén é nai, así que non se pode permitir iso. No ano 74, fixen un traballo sobre a homosexualidade dentro da Igrexa, que é onde máis se daba. Dicíanme “este non chega a cura”… E mira para aí!: os demais marcharon e eu sigo aquí despois de 38 ou 39 anos.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...