A acusación contra o alcalde de Palas di que a sentenza xera impunidade

O avogado da secretaria municipal asegura que a interpretación do Tribunal Supremo "deixa baleiro o tipo penal" polo que se xulgaba ao alcalde de Palas

Pablo Taboada, alcalde de Palas, fora condenado pola Audiencia a 9 anos de inhabilitación e 15 meses de cadea | Concello de Palas de Rei
Pablo Taboada, alcalde de Palas, fora condenado pola Audiencia a 9 anos de inhabilitación e 15 meses de cadea | Concello de Palas de Rei

(EFE) A representación de Celia González, a secretaria municipal do Concello de Palas de Rei que denunciara ao alcalde Pablo Taboada, considera que a sentenza do Tribunal Supremo que absolve ao rexedor dos delitos de acoso e prevaricación “é infumable” e xera “un espazo de impunidade”. O letrado Rafael Arangüena fixo esta valoración logo de coñecer a resolución do alto tribunal que anula a condena da Audiencia Provincial de Lugo.

En opinión do avogado, a resolución que exculpa os nove encausados, incluídos o rexedor Pablo Taboada e o seu predecesor na alcaldía de Palas, Fernando Pensado, crea un precedente xurídico para que “o delito de prevaricación e acoso desapareza do ámbito dos concellos”, alomenos no relativo á función de control que exercen secretarios e interventores municipais. “Deixa baleiro o tipo legal” en causas futuras, advirte.

“Que fai falla entón?”

Dende o punto de vista do representante legal da denunciante, é “escandaloso” que a sentenza do Tribunal Supremo “diga que non hai prevaricación nun pleno no que se citan artigos da lei para avisar de que o que se vai votar é ilegal, no que se solicita ao secretario que informe, e que o alcalde non llo permita”. “Que fai falla entón”, cavila Arangüena, para probar o delito de prevaricación.

A Sala afirma que non consta a advertencia do secretario, mais si un escrito favorable do Director Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia. En consecuencia, o TS nega que os concelleiros e mailo alcalde de Palas tivesen coñecemento de que o que se votaba era ilegal.

Trinta contenciosos

No que respecta ao delito de acoso laboral, o letrado lembra que existían “trinta contenciosos administrativos” gañados pola súa clienta perante os sucesivos intentos do rexedor de sancionala con suspensiones de emprego e soldo. Abondo, segundo o criterio de Arangüena, para ser “unha proba determinante” do acoso.

O avogado da secretaria municipal recoñece que aínda é cedo para anunciar unha decisión respecto da sentenza do Tribunal Supremo, e máis “tendo en conta o custe persoal económico” do proceso para a denunciante.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here