InicioSociedade"Non coñezo ningunha comunidade de montes presidida por unha muller. Iso non...

“Non coñezo ningunha comunidade de montes presidida por unha muller. Iso non pode ser”

Verónica Marcos (As Nogais) é a nova presidenta de Fademur Galicia. Pon o foco na importancia da titularidade compartida nas explotacións ou na dificultade para emprender no rural pola falta de servizos. Ao pensar na Montaña luguesa, cavila: "Queremos atraer xente ao rural, pero sería mellor dignificar a vida dos que xa están aquí para que non teñan que marchar".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Verónica Marcos, veciña das Nogais, vén de estrearse como presidenta da Federación de Mulleres Rurais (Fademur) en GaliciaEsta lucense releva no posto a Rosa Arcos Caamaño, mais non é un reto completamente descoñecido para ela, que xa exercía como secretaria na anterior directiva.

LUGO XORNAL : Cales son os obxectivos e expectativas nesta nova andaina que comeza dentro de Fademur Galicia?

VERÓNICA MARCOS: As etapas novas sempre se collen con ilusión. Eu xa coñecía o traballo, porque era a secrertaria da organización, así que será un pouco continuar co que xa se viña facendo. O noso reto é estar en todos os sitios onde estean as mulleres do rural.

“Hai falta de información sobre a opción da cotitularidade nas explotacións”

LX: Manter esa liña de traballo significará seguir adiante coa reivindicación da titularidade compartida. Isto supón que cada unha das partes da parella sexa propietaria do 50% da explotación en igualdade de condicións. Que implicacións socioeconómicas ten esta vía para as mulleres?

V: A nivel social, é unha forma de recoñecer o traballo que sempre desenvolveron e que non sempre se tivo en conta. A nivel económico, afecta directamente nos ingresos desa muller e nos dereitos laborais que lle corresponderían. Falamos, por exemplo, da cotización con efectos na xubilación ou das baixas por maternidade. Hai mulleres titulares, claro, pero son propietarias de explotacións pequeniñas ou pasan a ser donas delas cando o home se xubila, non antes. Outras moitas só figuran como ‘axudante da explotación’ a pesar de traballar nela a diario.

LX: Dez anos despois de aprobarse esa Lei de Cotitularidade, o número de explotacións galegas inscritas neste réxime é mínimo. A que achaca isto?

V: Son pouquísimas, só 26. Eu creo que é por un problema de falta de información. Case ningún asesor ou persoal administrativo das oficinas agrarias recomenda esta opción de primeiras, quizais por descoñecemento. En realidade é unha vía máis vantaxosa, porque é moi fácil e máis barato de constituír ca calquera outro tipo de sociedade.

“O noso papel é animar e incentivar á participación das mulleres”

LX: Facedes fincapé na importancia de que os órganos de representación das grandes cooperativas incorporen figuras femininas. Seguen sendo os homes quen levan a voz cantante á hora de tomar decisións?

V: Si, aínda hai unha visión eminentemente masculina tanto nos órganos de representación como nas asembleas veciñais. Moitas veces os van ás reunións son homes. A voz é a deles. Elas non están nas directivas das organizacións, das grandes cooperativas… Non coñezo ningunha comunidade de montes presidida por unha muller. E iso non pode ser!

Aí é onde se necesita o noso traballo. O noso papel é animar e incentivar á participación das mulleres, porque ás veces precísase un empuxón. Hai que ser positivos, porque se vai avanzando, pero facémolo de maneira moi lenta. Xa o di a famosa frase de Michelle Bachelet: ‘se unha muller entra en política, cambia a muller; se moitas mulleres entran en política, cambia a política’. É moi importante que as mulleres ocupemos o espazo que nos corresponde na sociedade. Somos a metade da poboación.

LX: Existen outras alternativas para vivir do rural máis aló de dedicarse ao ámbito agrogandeiro. Que iniciativas teñen en marcha a respecto do emprendemento?

V: Para empezar, emprender no rural implica moitas máis dificultades. Hai problemas de conexión a Internet, longas distancias, unha continua falta de servizos… Nós axudamos e asesoramos as mulleres que deciden montar un negocio. Temos, por exemplo, o programa Ruraltivity, unha lanzadeira de emprendedoras rurais a través da cal as acompañamos durante todo o proceso.

“A Montaña ten moitas posibilidades, pero non só turísticas”

LX: Traballa en Lugo, pero é natural das Nogais e vive alí. Cales son os retos particulares e as potencialidades da Montaña de Lugo de cara ao futuro?

V: Aquí pasa un pouco o mesmo ca no resto de Galicia: o problema é o despoboamento. Imos quedar catro. Eu ás veces miro arredor e pregúntome: “en cinco ou dez anos, que vai ser disto?, quen vai xestionar o territorio?” Iso é algo que me preocupa moito. Esta zona ten moitas posibilidades, pero non só turísticas e dirixidas a vir ver a paisaxe. Centrámonos en atraer xente ao rural, pero igual estaría ben conseguir mellorar a vida dos que xa residen aquí para que non teñan que marchar.

LX: Nese sentido, cre que a pandemia favorecerá a volta ás aldeas ou quedará como unha oportunidade no camiño?

V: Eu creo que é unha cuestión momentánea causada pola etapa que estamos vivindo. Todas as persoas e iniciativas son benvidas, pero non teño claro que a xente en xeral vaia acostumarse e quedar aquí, sobre todo porque ás veces pécase de trasladar a visión urbana ao rural, e iso é un erro. Aquí hai outro funcionamento da sociedade.

“Para facer políticas hai que ter en conta os territorios, as distancias… non só os números”

LX: O descoñecemento do propio rural é precisamente unha das críticas que se lle lanzaron á Xunta de Galicia estas semanas a fío da problemática do transporte no Courel.

V: É que non ten ningún sentido o que fan alí. Hai seis taxistas que cobren as rutas escolares e que prestan un servizo á comunidade. Como é posible quitar eses seis empregos e establecer rutas que non teñen lóxica? Os nenos pasan unha hora nun microbús por estradas de montaña en inverno… Iso é facer as cousas ao revés. Parece que queremos rural, pero non queremos dar servizos para o rural.

LX: Tamén as comunidades escolares de Baralla, Baamonde ou Navia reivindican ser escoitadas para implantar uns ou outros servizos. Son exemplos concretos dunha política ampla na que escasean os recursos para o medio?

V: Totalmente. Pasa co tema educativo, co sanitario… No concello das Nogais, por exemplo, somos algo máis de mil habitantes e temos un único médico. Se se xubila, non nos correspondería ningún tendo en conta a poboación. Pero é que hai que pensar que tipo de poboación é a nosa! Desas mil persoas, a gran maioría van ao médico a miúdo porque son persoas maiores. Para facer políticas hai que ter en conta os territorios, as distancias… e non só os números. A pesar disto, a min gústame sacar un punto positivo: coa pandemia demostrouse que no rural vivimos mellor, con outra tranquilidade.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...