A Montaña de Lugo e maila Mariña Central son algunhas das comarcas galegas onde menos circulou o coronavirus, segundo os datos extraídos do estudo de seroprevalencia elaborado polo Sergas e presentado este mércores en rolda de prensa telemática. No outro extremo, a comarca de Meira e a Mariña Oriental figuran entre as áreas con maior prevalencia.
O informe ‘Estudo de seroprevalencia fronte á COVID-19 en Galicia’ foi realizado “cun intervalo de confianza do 95%” e fixérono público este mércores o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada. Os seus resultados permítennos ter unha estimación de como circulou a COVID-19 por áreas xeográficas.
O SUESTE DA PROVINCIA, CON MENOS INCIDENCIA
Deste xeito, na análise efectuada por comarcas e agrupacións de comarcas, as zonas da Fonsagrada, Quiroga, Ancares e A Mariña Central en Lugo rexistraron unha prevalencia de entre o 0 e o 0,5%, ao igual ca as bisbarras coruñesas de Noia, Bergantiños, Xallas, Terras de Soneira e Betanzos. Estes valores non se detectaron en ningunha das comarcas das provincias de Ourense e Pontevedra.
Á súa vez, a Terra Chá, a comarca de Lugo, A Ulloa/Chantada e Sarria teñen unha prevalencia inferior ao 1%, un nivel que tamén se dá no Deza (Pontevedra); en Verín, O Ribeiro e Celanova (Ourense); e Fisterra, Muros, Ortegal, Eume, Ferrol, A Coruña, Melide, Arzúa e Ordes (A Coruña).
A MARIÑA ORIENTAL E MEIRA, MÁIS DO 1’5%
Pola contra, entre as áreas nas que, segundo o estudo da Xunta, se detectou maior circulación do virus (máis do 1’5% de prevalencia) tamén aparecen algunhas zonas da provincia de Lugo, como a Mariña Oriental e Meira. No resto de Galicia, as áreas máis afectadas foron Vigo; as comarcas ourensás de Valdeorras, Trives, Viana, Caldelas, Allariz, Ourense e Carballiño; Tabeirós, en Pontevedra; e as bisbarras de Sar e A Barcala, na Coruña.