InicioSociedadeWalkie-talkies para corrixir os deberes de punta a punta de Baralla

Walkie-talkies para corrixir os deberes de punta a punta de Baralla

Todos os días desta corentena, de 12 a 14 horas da mañá, o alumnado de 3º de Primaria do CPI Luís Díaz Moreno senta a carón dun destes aparellos radiofónicos para conversar co resto da clase. A idea non apareceu da nada, senón que neste colexio xa tiñan unha relación moi especial coa radio. Estudantes, profes e familias ían soar nas ondas de Radio Nogais cun programa preparado por eles, con temas que ían dende o día a día coas vacas ata a nanotecnoloxía.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A suspensión de clases presenciais nos centros educativos obriga a recorrer a outros métodos para continuar coa actividade lectiva a distancia, ben sexa por videoconferencia, a través de aulas e plataformas virtuais, vía correo electrónico… ou con walkie-talkies. Así o argallaron no CPI Luís Díaz Moreno, en Baralla, onde esta foi a primeira semana na que traballaron directamente co alumnado de 3º de Educación Primaria usando a radio.

“No centro temos unha materia de libre configuración relacionada coa radio. Xa compraramos algúns walkies e, ao chegar esta situación, puxémonos a pensar se sería posible utilizalos cos pequenos de 3º para comunicarnos entre nós”, explica Lois Manuel Toirán Vázquez, mestre no Luís Díaz Moreno. “Entre uns e  outros hai distancias que poden chegar aos 18 quilómetros, con montañas polo medio de 900 metros, así que non era posible, evidentemente”.

Afortunadamente, a axuda da Agrupación da Radio Comarca de Ancares (ARCOA) e do Concello de Baralla posibilitaron a comunicación, ao melloraren unha instalación e ao repartir walkie-talkies, previamente desinfectados, polas casas de nenos e nenas.

CORRIXIR OS EXERCICIOS VÍA WALKIE-TALKIE

“Os inicios foron un pouquiño patosos, porque hai que ter en conta que estes aparellos non son teléfonos móbiles e a comunicación é distinta. Pero eles son moi hábiles e adaptáronse perfectamente“, prosegue Toirán Vázquez. Con eses problemas extinguidos, contactan con cativos de Baralla, con algún que vive no Corgo e mesmo cunha mestra que intervén dende Lugo.

Fano todos os días de 12 a 14 horas da mañá, momento que aproveitan para corrixir conxuntamente algunha actividade previamente realizada. “Eu fago de moderador e procuro seguir unha orde para que participen todos dende as súas casas. Eles teñen que estar moi atentos para saber cal é a súa quenda, porque aquí non funciona o de falar simultaneamente”, di o profesor, para quen esta vía de comunicación é un complemento máis.

Internet permítenos unha comunicación máis fluída, pero non todos teñen conexión ou non todos contan cunha velocidade suficiente“, apunta. Porén, si que botan man de ferramentas como WhatsApp, coa axuda de pais e nais, para enviar e revisar traballos máis extensos, aqueles que serían máis complicados de abordar polas ondas da radio.

UN PROGRAMA NA EMISORA RADIO NOGAIS

Os pasos previos a esta iniciativa xa se deron durante o curso, nesa área de traballo de libre configuración denominada Radio. Ao seu abeiro, o centro impulsou un proxecto para crear un programa que se emitiría en Radio Nogais. Nel podían participar todos os estudantes do centro, pero tamén o profesorado e as familias.

“Decidimos que non ía ter unha temática específica, para que cada pequeno puidera aportar algo”, relata Lois Manoel Toirán, que se confesa “abraiado” do que son capaces de facer os rapaces e rapazas. “Se estivese escoitando a radio, quedaría a oír o programa aínda que eu non tivese ningunha relación co colexio. Non tanto polos contidos, senón pola maneira que teñen de facelo, por esa alegría e ese toque persoal”, recoñece.

Un grupo de 6º, por exemplo, decidiu contar como é a súa vida na casa, onde axudan na explotación gandeira. “Non o fixeron a través dunha descrición, que sería o primeiro que se nos ocorrería a calquera, senón que prepararon un diálogo coma se fosen dous amigos que se atopan nun bar e que falan de como lles vai”, di Toirán Vázquez. Así mesmo, unha profesora animouse a facer unha selección de obras literarias galegas e un pai propuxera falar sobre nanotecnoloxía.

O programa xa estaba preparado, pero a crise do coronavirus obrigou a reconfigurar os plans. “Agora mesmo a cousa está parada, pero queda aí para cando poidamos facelo”. Xa saben, sintonicen Radio Nogais, no 107.0 da FM, e non o perdan.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...