InicioSociedadeO "fracaso" das clases a distancia baixo a fenda dixital: máis desigualdades...

O “fracaso” das clases a distancia baixo a fenda dixital: máis desigualdades académicas, máis desigualdades sociais

"O 80% do alumnado ten acceso a Internet, pero non podemos deixar descolgado o outro 20%", di a presidenta da ANPA do CPI de Cervantes. "Os que ían ben seguirán indo ben. Pero os que ían coxeando...". Unha mestra da ESO no Courel destaca as dificultades para atender á diversidade neste contexto: "Hai nenos cuxos pais teñen tempo e ferramentas para axudarlles, pero outros non". Ambas piden unha maior claridade nas directrices da Consellería de Educación, cuxa xestión cualifican de "caos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A pandemia do coronavirus mudouno practicamente todo nas últimas semanas. Unha das primeiras medidas que se tomaron para frear a súa expansión afectou ao ensino. O 12 de marzo a Xunta ordenaba o peche dos centros educativos por un período provisional de quince días, que finalmente se prolongaron por mor do decreto de estado de alarma. Aulas baleiras e alumnado e profesorado recluído nas súas casas. O ensino vía telemática presentábase como unha opción para non abandonar a actividade lectiva. Mais funciona realmente?

“É un fracaso”, chanta rotundamente Silvia Loureiro, mestra friolesa que imparte clase no CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel). “Hoxe mesmo tiñamos programadas videochamadas co alumnado, pero non dei falado nin coa metade”. Dáse por suposto que todos os nenos e nenas contan cun ordenador e wifi nas súas casas, pero a realidade é outra distinta.

“O 80% do alumnado ten Internet, pero non podemos deixar descolgado o outro 20%”

A FENDA DIXITAL

“Hai casos nos que non teñen ordenador. Poucos, pero hainos. Noutras casas ao mellor si que o teñen, pero se cadra é para compartir entre os pais que teletraballan e os rapaces que estudan”, explica Isabel Calvete, presidenta da ANPA do CPI de Cervantes e vicepresidenta da Confederación de Anpas Galegas. Ademais, as limitacións na cobertura da rede castigan dobremente as zonas rurais durante este confinamento. “Arredor do 80% do alumnado ten conexión a Internet, pero non podemos deixar descolgado o outro 20%”, lembra Calvete.

A fenda dixital faise máis evidente ca nunca, “tamén entre os profesores, porque moitos non están acostumados a traballar desta maneira”. Dende a Consellería tampouco habilitan suficientes ferramentas, segundo Silvia Loureiro. “Falouse de portátiles que non chegaron, creáronse plataformas que non funcionan…”

O asunto de Internet xa tiña que estar superado e non ser un problema engadido agora“, pensa Isabel Calvete, para quen a promesa da Xunta de repartir mil ordenadores “non serve”. Aos seus ollos sería máis lóxico aproveitar para poñer en marcha un plan a longo prazo que garanta as posibilidades reais de tele-estudo en circunstancias excepcionais, como enfermidades ou nevaradas que obriguen a pechar colexios.

“A Consellería non nos dá pautas e as que nos dá non serven de nada”

O “CAOS” DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

Ambas entrevistadas coinciden ao cualificar de “desorganización” e “caos” a xestión da Consellería de Educación. Botan en falta directrices claras. “Non nos dá pautas e as que nos dá non serven de nada”, opina a profesora Silvia Loureiro, moi crítica coa consideración que ten a Xunta do concepto da avaliación. “Supoñíase que o traballo destes quince días non era avaliable. Pero é que avaliar non só é facer exames! Nótase que quen fixo iso nunca estivo nunha aula”.

Isabel Calvete vai un paso máis alá: “os nenos con necesidades especiais son os grandes esquecidos por parte da Consellería de Educación”, sen directrices para a súa atención, que quedaría en mans da boa disposición dos equipos docentes e de orientación de cada centro.

E despois de Semana Santa, que? Cales son as ordes a seguir? “Está todo no aire” porque a información da Xunta é continuamente cambiante, din. “Que se vai facer?, poñelos a estudar no mes que queda? Non sería mellor centrarse no seu estado psicolóxico en vez de avanzar e machacar contidos?”, propón a presidenta da ANPA de Cervantes.

DESIGUALDADES ACADÉMICAS, SOCIOECONÓMICAS, TERRITORIAIS…

E é que ás dificultades técnicas de conexión a Internet haille que sumar tamén a tensión e medo propio destas semanas, factores que en conxunto han redundar nun “grande incremento da desigualdade”. “Os nenos que ían ben, probablemente sigan indo ben. Pero os que xa ían coxeando…, que pasa con eles?”, pregúntase Calvete, preocupada pola maneira en que poidan influír nas crianzas os problemas de saúde ou laborais que sufran nas súas casas.

a atención á diversidade, moi difícil coa educación a distancia

“Hai nenos que teñen quen lles axude nas casas, pero outros non. Ademais, os pais facemos o que podemos, pero non somos profesores”. Na etapa de Primaria, isto magnifícase “porque dependes moito máis das familias e é aí onde se ven máis agravadas as diferenzas sociais: pais que poden permitirse o tempo e as ferramentas, fronte aos que non”. Daquela, a atención á diversidade tórnase complicadísima nestas circunstancias e mesmo “frustra” aos profesores máis implicados, que procuran facer un seguimento do seu alumnado a nivel “social, non tanto académico”.

Aínda así, este último aspecto tamén ha pór de manifesto desequilibrios. “Os colexios privados teñen moitos máis recursos para a educación en liña. Os nenos de Bacharelato dun centro privado chegarán á EBAU non en condicións de igualdade, precisamente”, considera Isabel Calvete. Loureiro admite que “é certo que ese alumnado vai ter os contidos moi machacados”, pero subliña que “non é o momento de priorizar iso”.

Para esta mestra, que exerce nun CPI pequeniño do Courel, o esencial é centrarse na volta á normalidade. “Os profes do Courel temos o noso reto aí: na socialización dos nenos e nenas. De feito, as videochamadas que facemos con eles estes días non son tanto para dar clase, senón para verlles as caras, saber que están ben… Para que non se sintan sós”. Confían en deixar atrás esta situación o antes posible pero, polo camiño, o esforzo non é pequeno.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...