O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, expresou a súa “satisfacción” pola decisión do xulgado de Instrución número 3 de Lugo de arquivar outra peza separada da operación Polbo, a referida ás axudas da institución provincial ao equipo de baloncesto Breogán e asegurou que se tratou dunha “persecución política“.
Nun comunicado remitido aos medios, José Tomé lembrou que “tamén foron arquivadas as pezas correspondentes a un exame de oposición, as adxudicacións a empresas e as axudas ao fondo social dos traballadores provinciais, todas promovidas pola xuíza Pilar de Lara durante os mandatos de José Ramón Gómez Besteiro como presidente da institución”.
O presidente provincial subliña que “cada paso que dá a xustiza demostra que a actuación da deputación non merece reproche xudicial algún e que a operación Polbo foi unha operación política en toda regra”. “Afortunadamente, a xustiza está a corrixir os seus propios erros, cometidos por unha persoa que nunca debeu de actuar así (por Pilar de Lara), tal e como están a dinamitar os xulgados de maneira clara e concluínte”, destacou.
A investigación sobre as axudas ao Breogán, como lembrou, xa foi arquivadas en 2013 “polo propio xulgado de instrución número 3 de Lugo, pero aínda así De Lara volveu abrila en 2016 e acumulouna á investigación que tiña aberta da deputación”. “Ao facer repartición despois de pasar por varios xulgados, agora, o número 3 volve de novo a arquivar a causa porque non se achegou nada novo: esta causa é exactamente a mesma pola que xa se incoaron (…) sen que nada concreto engadiuse á mesma, di literalmente o auto”, sinala Tomé.
Así as cousas, o presidente provincial destacou que a deputación presenta “unha folla de servizos á cidadanía sen tacha”. “Desde este goberno seguiremos colaborando, como ata agora cos concellos e co tecido económico para mellorar a calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas da provincia de Lugo”, conclúe.