InicioPolíticaA socialista Lara Méndez, investida alcaldesa do goberno bipartito que permitirá a...

A socialista Lara Méndez, investida alcaldesa do goberno bipartito que permitirá a Lugo “avanzar con máis fortaleza”

Ramón Carballo cualifica de "pobre" o discurso de Méndez e critica que a próxima lexislatura vaia ser "máis do mesmo".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A socialista Lara Méndez foi investida este sábado como alcaldesa do goberno bipartito de Lugo cos votos a favor dos oito concelleiros socialistas e os cinco nacionalistas capitaneados polo portavoz Rubén Aroxo, que será tenente de alcalde os próximos catro anos.

“Comezaremos esta nova etapa cumprindo pola nosa banda o mandato dos lucenses. Con altura de miras e diálogo para conseguir un goberno estable que permita a Lugo avanzar con máis fortaleza e máis unión”, destacou nunha sesión plenaria na que os dez concelleiros do Partido Popular votaron o seu candidato, Ramón Carballo, e os dous de Ciudadanos a súa portavoz, Olga Louzao.

O pleno arrincou ás 10,00 horas deste sábado e practicamente os 25 novos edís xuraron ou prometeron o seu cargo. Con todo, os representantes do Bloque, que optaron pola fórmula “por imperativo legal”, comprometéronse a “defender os intereses xerais dos veciños de Lugo e os dereitos nacionais do pobo galego”.

No salón de sesións do Concello de Lugo, no que se coou a celebración do Arde Lucus con algún veciño caracterizado de romano, a rexedora agradeceu o apoio da súa familia e tivo unhas palabras especiais para a súa filla. “O agradecemento tamén á miña filla pequena porque a pesar da súa curta idade xa me ensinou que o esforzo, o tesón e a loita polo que máis queremos dá sempre os seus froitos”, asegurou para destacar que mirar para ela lle “axuda a traballar por un presente e un futuro para todos e todas as veciñas”.

Visiblemente emocionada, Lara Méndez tamén mostrou o seu agradecemento aos cidadáns de Lugo. “Non podemos esquecer nunca que somos os seus servidores, que depositaron a súa confianza para que traballemos por un municipio máis habitable”, subliñou.

RETOS

Políticas sociais, mobilidade, sustentabilidade, igualdade de oportunidades foron as palabras máis empregadas pola reelixida alcaldesa que, unha vez concluído o pleno, fundiuse nunha aperta cos seus seres máis próximos.

Na súa intervención na que destacou o “diálogo” para conseguir un goberno “estable” que permita a Lugo avanzar con “máis fortaleza e máis unión”, Lara Méndez celebrou que os edís do BNG pasen a formar parte dun “goberno de colaboración”.

“Iniciamos unha etapa cunha alianza que debemos alimentar no día a día con respecto mutuo, sen prexuízo da nosa autonomía e das nosas liñas políticas propias e diferenciadas en ámbitos alleos á xestión do noso goberno municipal”, sinalou Méndez.

REACCIÓNS DO RESTO DE GRUPOS

Xa fóra do salón de plenos, o portavoz do PP, Ramón Carballo, asegurou que se inicia unha nova lexislatura na que “todo parece que vai ser o mesmo, ou máis do mesmo”. “Só cunha diferenza, e é que van formar parte deste goberno un grupo que na súa forma de acatar a Constitución indica con quen imos xogar estes catro anos“, indicou en referencia á fórmula de tomar posesión por parte dos nacionalistas. Ademais, asegurou que a alcaldesa “ofreceu un discurso moi pobre”.

Olga Louzao, de Ciudadanos, destacou que espera que esta lexislatura “sexa mellor que os catro anos sufridos no anterior mandato”. “Comeza unha nova etapa para a cidade de Lugo e por tanto desde Ciudadanos queremos ser optimistas, esperamos que o novo goberno asuma con responsabilidade todo o que quedou pendente nos anteriores catro anos. Nós, como neste catro anos, faremos unha oposición útil“, deixaba caer Louzao.

E finalmente, o nacionalista Rubén Arroxo, que se converterá en primeiro tenente de alcalde, presaxiou que “van ser catro anos intensos”. “Nós, desde o BNG, temos moita ilusión para estes catro anos. Durante estes anos fixemos unha oposición propositiva porque entendemos que o máis importante e o que precisa Lugo é avanzar”, puña especial énfase o número dous do novo goberno bipartiro de Lugo.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...