InicioOpiniónDía 40 de corentena: aprendemos a contar (contos)

Día 40 de corentena: aprendemos a contar (contos)

« Levo 44 días sen conducir, 49 sen quedar cunha amiga e 62 sen ver o mar. Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas, por aquilo de que hai máis tempo a escoitar... "Vente, que che hei de contar uns contos", díxome estoutro día a máis vella da casa ».

PUBLICADA O

- Advertisement -

A unha amiga á que teño moitas ganas de abrazar cadroulle esvarar polos últimos meses de universidade durante este confinamento. Iso significa, case sempre, enfrontarse ao Traballo de Fin de Grao. Mete medo, si. O dela aborda cuestións tan interesantes como a literatura de tradición oral en Galicia e a súa introdución nas aulas de Educación Infantil. Cando nos habemos xuntar ela e eu para contar uns contos?

Xa levamos corenta días de corentena. Soa moi redondo e moi fatigante. Enchémonos de contar os días que pasamos sen saír da casa; contamos cantos quedan ata o vencemento do estado de alarma, aínda que souberamos que non era o definitivo; contamos o tempo que pasou dende a última vez que fixemos determinada cousa ou que fomos a tal sitio. Eu, por exemplo, sumo 44 días sen conducir, 49 sen quedar con esta amiga da que vos falo e 62 sen ver o mar.

Pero hai outras contas e outros contos que se botan mellor durante estas semanas. O mundo parou e deixounos máis tempo a escoitar…Vente, que che hei de contar uns contos“, díxome estoutro día a máis vella da casa: Á miña nena Carmiña / heille de mudar o nome; / cando chamo por Carmiña, / Carmiña non me responde. “Espera, a ver se me acordo doutro. Como era? Xa sei, xa sei. Ai, Maruxiña, / por dios, dáme un bico / tanto che quero / que xa non mo explico”. E a cousa seguía:

— Vaite de aí,

ou é que toleas? 

Eu non me vou 

sen que hoxe mo deas.

— Vaite de aí, 

xa podes marchar;

na vida do mundo

non te hei de bicar.

A cantiga remataba fiada nunha risa, igual que a historia relatada uns días antes sobre as festas do San Vitorio de Baralla ou aqueloutra dun fotógrafo que vivía en Lugo e mandaba cartas á casa. A duns irmáns que marcharan á Arxentina era algo máis triste, pero tamén houbo ocasión de lembrala. E aquela dos dous veciños que foran mozos, ou tamén esa que…  Por aquí xa perdemos a conta dos contos.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...