InicioOpiniónDía 25 de corentena: o dereito a soñar libremente

Día 25 de corentena: o dereito a soñar libremente

« O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas »

PUBLICADA O

- Advertisement -

O outro día soñei que contraera o coronavirus. Xa me estaba estrañando moito que o meu subconsciente non caera niso…, pero todo chega. No mesmo  s̶o̶ñ̶o̶  pesadelo, asistía a unha multitudinaria misa de Ramos que estaba presidida por Felipe e Letizia. Oe, marabilla! Todo o que aborrezo nun único espazo! Vou ter que intervir o meu propio mundo onírico durante este confinamento…

Como única autoridade competente na miña cachola, declaro o estado de calma en todo o territorio mental. O Irreal Decreto 1/2020, do 8 de abril, para a regulación dos soños confinados desordena o caos psicolóxico. Non está permitida a intrusión de pensamentos negativos agás veñan acompañados dunha solución. Non é aconsellable ler noticias da pandemia antes de durmir. Todas as forzas e o único corpo do Estado velarán pola desinfección das emocións tóxicas. En calquera caso, respectarase o dereito a soñar. É o que nos queda. 

Pero, acto seguido… Como única autoridade competente e incoherente na miña cachola, modifico de inmediato o Irreal Decreto que veño de ditar. Queda derrogada a denominación oficial de ‘soños confinados’ e pasan a vivir en liberdade. Considéranse soños esenciais aqueles que nos manteñen vivas durante estes tempos raros, aqueles que compartimos coa ilusión de convertelos en realidade, aqueles que nos espertan a calquera hora do día desta hibernación que caeu en primavera.

Noutras palabras: vou soñar co café con leite que hei tomar no meu bar preferido de Lugo, vou soñar con xogar as pás na beira do río Miño, con pasear con algunha amiga e desvirtualizar a nosa amizade de corentena. Vou soñar tamén coa cerdeira en flor no sitio máis bonito do Corgo, con conducir o coche pola N-VI e ter ganas de parar para sacar unha foto ao ceo. Vou soñar cos reencontros esperados e coas despedidas que acouguen o corpo de quen non puido dicir adeus aos que marcharon estas semanas.

Que día é?, tes calendario? A ver se soa axiña a alarma e trae a calma.


[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

A Garda Civil detén en Lugo un implicado nunha rede internacional de tráfico de especies protexidas

Un home foi detido en Lugo no marco da operación Namib, un dispositivo a gran escala desenvolvido...

O alcalde de Lugo pide por carta ao Ministerio de Transportes que inclúa á cidade nas melloras ferroviarias

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, pedirá por carta ao Ministerio de Transportes que...

O Concello de Lugo estuda unir os parques Rosalía de Castro e Marcos Cela cunha pasarela peonil

 Concello de Lugo proxecta a unión dos parques Rosalía de Castro e Marcos Cela...

O patrocinio dun clube de alterne no cartel dunhas festas volve xerar polémica en Outeiro de Rei

Un ano máis xurdiu a polémica en Outeiro de Rei pola publicidade que se...