Lugo Sen Mordazas inicia o seu ciclo de cinema na Tinería

Este martes ás 21.45 h. na Porta Miñá comeza o ciclo de cinema 'Patio do Barrio', reivindicación dos espazos públicos da Tinería contra a privatización

A Tinería dende a Porta Miñá | Óscar Bernárdez
A Tinería dende a Porta Miñá | Óscar Bernárdez

A Plataforma Lugo Sen Mordazas embárcase este 14 de agosto nun ciclo de cinema que, cada martes ata a fin da mes, realizará proxeccións de índole inclusiva canda á Porta Miñá. A iniciativa procura o fortalecimento do sentir comunitario na Tinería, en contraposición á explotación exclusivamente económica que, advirten, está tomando os espazos públicos do histórico barrio.

Así, a inauguración do carrusel cinematográfico Patio do Barrio terá como protagonista o filme clásico O maquinista da Xeral, este mesmo martes ás 21.45 horas. Dende o colectivo sinalan que “queremos compartir a afición polo cinema para dar espazo á cultura e ao encontro”, reivindicando que “a rúa e de todas as persoas e cada praza e cada patio son dos barrios e da súa veciñanza”.

Este plantexamento xorde en resposta ao borrador da ordenanza de seguridade de Lugo, alcumada Ordenanza Mordaza. A Plataforma foi constituída de xeito espontáneo co propósito de espallar os aspectos máis controvertidos do regulamento municipal, realizar actividades culturais que baixo a nova norma serían obxecto de sanción, e defender aos colectivos excluídos da Tinería fronte aos intereses dos promotores da ordenanza cívica.

Neste senso, o ciclo de cinema reivindica “os espazos públicos como lugar de encontro da cidadanía para tecer cultura e facer comunidade, fronte á privatización dos mesmos con afán de lucro empresarial”. O reforzo das sancións contra determinadas prácticas primaría o interese económico, advirten dende Lugo Sen Mordazas, e nesa dirección vai a coacción exercida na Tinería para criminalizar ás mulleres que ofrecen servizos sexuais na zona.

Porén, “cando nos xuntamos un grupo de persoas na rúa e conversamos sobre o que nos afecta, nos preocupa, cando soñamos conxuntamente, xorden ideas. Estas ideas compartidas e coxestionadas, únenos nun proxecto e esto fainos crear comunidade”, explica Ana Barba Núñez, unha das organizadoras deste ciclo de cinema á beira da Muralla.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here