InicioMovementos sociaisEste sábado, festival en Lugo contra a 'Ordenanza Mordaza'

Este sábado, festival en Lugo contra a ‘Ordenanza Mordaza’

Entrevista con Chus Rodríguez, voceira rotatoria da Asamblea Lugo Sen Mordazas, que organiza o Festival Incívico na Praza Maior

PUBLICADA O

- Advertisement -

Chus Rodríguez é parte de Lugo Sen Mordazas, o movemento asambleario que lidera a protesta contra o proxecto de ordenanza cívica para Lugo. Estivo presente dende as primeiras convocatorias, realizadas polos concelleiros de Esquerda Unida e Bloque Nacionalista Galego para dar a coñecer o borrador da coñecida coma Ordenanza Mordaza. A ela correspóndelle ser voceira na nova quenda rotatoria, e neste caso explicar algo máis acerca do Festival Incívico, que se celebrará este sábado na Praza Maior.

Cal é o teu papel?

Estou no grupo xurídico, que é un dos tres eidos principais de acción xunto con difusión e comunicación e accións na rúa.

Plantexades xa algunha resposta xurídica contra a Ordenanza?

O que pretendemos é que as accións que estamos a desenvolver, e que se desenvolverán, xeren a sensibilización e a presión abondo para que o grupo socialista e demáis grupos que apoian a Ordenanza Mordaza a retiren. No caso de que non se fixera así, estamos recabando información do que acontece noutras cidades, na xurisprudencia, para plantexar un recurso.

Que pasa coa Ordenanza? Por que non se está a negociar? Quedará na gabeta?

É unha das posibilidades. Estamos nun período estival que é ideal para aprobar este tipo de cousas, porque pillan á xente a contrapé. Pero pode ser que estén plantexando que o texto do borrador non ten axuste xurídico axeitado, facendo modificacións; ou ben percibindo que non existe sensibilidade ao respecto na veciñanza, que non precisamos deste tipo de ordenanzas, e que non a presenten.

É axeitado o marco xurídico actual?

Hai ordenanzas no Concello, como a de Medio Ambiente, ou de sonoridade, que están desfasadas. Moitas das accións que agora aparecen na nova ordenanza, con sancións desproporcionadas, xa están recollidas con sancións máis baixas. No noso plantexamento non está modificar as ordenanzas xa aprobadas, o obxectivo é que se retire a proposta e despois xa se verá.

Cales son os aspectos máis conflitivos?

O principal é que hai que ter claro se o Concello ten potestade para ordear sobre materias de seguridade e orde público. Entendido como regular a convivencia e a seguridade, segundo aparece na Constitución, é competencia do Estado. Por outra banda, preténdese sancionar actividades na vía pública que non deixan de ser expresións de dereitos e liberdades recollidos na Constitución; se alguén é competente para lexislar nesa materia, terá que ser o Estado a través de Lei Orgánica, non é materia para unha ordenanza municipal.

E na regulación de menores?

Nesa liña, a ordenanza de accións que poderían ser delito, como pelexas de menores. Quen ten que desenvolver este marco, que debe sancionar estas condutas, é a Lei de  Responsabilidade Penal de Menores. A policía municipal ten que facer un atestado e notificar perante a Fiscalía de Menores, para que o xuíz plantexe as medidas pertinentes nun proceso xudicial debidamente regulamentado e con todas as garantías, dentro do ámbito penal. Non está nas competencias da Policía Local.

Cartaz do Festival Incívico, a celebrar este sábado na Praza Maior de Lugo en protesta contra a Ordenanza Mordaza
Cartaz do Festival Incívico, a celebrar este sábado na Praza Maior de Lugo en protesta contra a Ordenanza Mordaza

Como xorde a idea dun festival?

Trátase de visibilizar que as accións deste sábado son actividades dunha cidade participativa, plenamente convivencial, leda e festiva, que non molesta, senón todo o contrario. Convidamos a todo o mundo a participar. Non ten sentido sancionar este tipo de actividades, como a música na rúa, cando o que fan é unha cidade máis viva e inclusiva. Se algún dos políticos que defende a Ordenanza Mordaza quere pasar polo festival, está convidado a ver que están equivocados no seu plantexamento.

Que se quere transmitir nos faladoiros desta xornada?

Dentro do programa hai dous faladoiros. O primeiro é a cargo de Xosé Martínez, que fala dunha solución ecolóxica a un dos problemas que dende hai tempo é queixa da xente, como son os ouriños na rúa. En forma de obradoiro, amosaranse solucións ecolóxicas para solventar este problema. É unha temática anecdótica e diferente.

O segundo faladoiro é dende o punto de vista xurídico, sobre o control social a través do medo, coa orixe e as pretensións desta Ordenanza Mordaza e da falsa percepción de inseguridade que se tenta espallar entre a veciñanza dende determinados grupos de poder. Comentaremos críticas a nivel xurídico que atopamos en contra destas ordenanzas que xa hai noutras cidades, falando do que acontece a nivel europeo e que choca frontalmente contra a filosofía desta Ordenanza.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...