InicioMovementos sociaisO Festival Agrocuir da Ulloa: o rural tamén é un lugar para...

O Festival Agrocuir da Ulloa: o rural tamén é un lugar para reivindicarse libres e diversas

Monterroso festexará a diversidade sexual e de xénero estes 30 e 31 de agosto. Centrarase na idea de comunidade, "pero non só a LGTB", senón en todo o que é común aos humanos, como a ecoloxía. "Ata agora este tipo de festas eran cuestións urbanas", pero un pódese "sentir máis identificado coa veciña ca con Jorge Javier Vázquez". Falamos con Braulio Vilariño, un dos impulsores do festival; Daniel Amarelo, que coordinará un debate sobre ruralidades queer; e con Carmen Conde, que levará a Monterroso o seu espectáculo 'Tabú'.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O rural era considerado unha especie de armario para o colectivo LGTBIQ, onde se ten máis difícil ser libre. Pero xa non é así“. E boa parte deste logro débeselle a iniciativas coma a do Festival Agrocuir da Ulloa, que este venres 30 e sábado 31 celebra a súa sexta edición na vila de Monterroso. Facer visible un rural afectivo e sexualmente diverso é a base sobre a que xurdiu este evento, que este ano se centra no concepto de comunidade. “Non só na comunidade LGTBIQ, senón en todo o que nos é común como humanos”. Así, o respecto polo medio natural e a ecoloxía son outras das patas esenciais deste festival que alenta a abrir armarios e botarse fóra deles.

Braulio Vilariño é un dos membros do Colectivo Agrocuir da Ulloa, dende onde parte a idea e o traballo para a posta en marcha do festival. Conta que ao longo destes anos o evento foi mudando ata ir achegándose cada vez máis á filosofía dunha romaría popular. Noutras edicións celebrábase na Granxa Maruxa (Cumbraos, Monterroso), pero desta volta apostouse por trasladar as actividades a distintos puntos da vila. É unha maneira de facer máis accesible e aberta a participación no festival, cuxa entrada é de balde. Iso foi posible pola “resposta incriblemente boa” á campaña de micromecenado lanzada nas redes, que permite que este sexa un festival totalmente autoxestionado.

“estamos dentro da comunidade, non somos un gueto á parte”

UNHA HOMENAXE Á COMUNIDADE

O concepto sobre o que xira a edición deste 2019 é o de comunidade. Por iso tamén cadra ben a nova ubicación no centro de Monterroso, que favoreceu unha maior implicación da veciñanza en todos os aspectos. “Vivir en comunidade, traballar en comunidade…”, reflexiona Braulio (‘Lalo’) Vilariño. “Non só reivindicamos a comunidade LGTBIQ. Nós xa estamos dentro, non somos un gueto á parte. Trátase de reforzar o sentido comunitario e humano fronte ao que nos impón o sistema patriarcal imperante”, defende.

Por iso, tamén estenden esa defensa do ‘común’ á ecoloxía, tema recorrente no discurso deste festival. “Estamos vivindo situacións terribles con incendios a nivel mundial, algo que coñecemos ben en Galicia. A paisaxe, o monte… perténcenos a todos. Ter unhas escrituras de propiedade dunha leira non implica que iso sexa privativo e que poidamos facer o que queiramos nela”.

Con todo, entenden que aínda é preciso traballar especificamente por visibilizar e reclamar os dereitos para as persoas ‘queer’ (ou ‘cuir’) —ese concepto que engloba as identidades sexuais ou de xénero que non se corresponden coa heteronormatividade—. “Agora hai un retroceso ideolóxico da man da ultradereita”, pensa Braulio Vilariño, “e isto que facemos é un labor de educación para as novas xeracións, para lembrarlles o difícil que foi conseguir estes dereitos e o fácil que se poden perder”.

POR QUE NO MEDIO RURAL?

Que esa tarefa de visibilización se desenvolva no medio rural é algo premeditado e que casa coa filosofía da organización. “Ata agora este tipo de festas eran cuestións urbanas, pero constatamos que o medio rural non é tan hostil ao colectivo. Onde existen as agresións homófobas é no medio urbano, non aquí”, explica este membro de Agrocuir. Eles apostan por reverter esas ideas mentais que asocian as cidades coa liberdade e a modernidade, mentres que ao rural lle poñen a etiqueta de atraso.

O Festival alenta a saír do armario | Festival Agrocuir da Ulloa

Xustamente algo semellante comentaba Daniel Amarelo, investigador que ha de coordinar un debate sobre ‘Ruralidades queer em tempos de globalizaçao’ no marco deste festival. El dicía que o rural aínda é visto coma unha especie de armario simbólico do que hai que fuxir para ser libres. Non só rexeita iso, senón que anima a reflexionar sobre a idea de metronormatividade, un dos asuntos que se abordarán na palestra deste venres 30: Por que se pensa que as grandes cidades constitúen o único espazo para sermos libres?, pregúntase.

“pódome sentir máis identificado coa miña veciña Maruxa ca con Jorge Javier Vázquez”

Así pois, unha das críticas que máis peso ten no festival é o uso que se fai da loita LGTBIQ nas urbes, da man do sistema capitalista patriarcal. “O sistema crea e comercializa esa idea de home gai branco, rico, consumista e urbano. Iso non é revolucionario!, iso xa está asimilado polo sistema capitalista”, opina Braulio Vilariño. Daniel Amarelo apunta tamén a un uso da liberdade sexual con fins políticos e nacionalistas españois: o homonacionalismo, que di el. Coidan que iso non representa a diversidade real.

Neste sentido, estimulan cavilar sobre como se xestionan as diferentes identidades de cadaquén. “Igual me sinto veciño antes ca gai, por exemplo. Ou moitas veces pódome sentir máis identificado coa miña veciña Maruxa ca con Jorge Javier Vázquez“, exemplifica Daniel Amarelo, nun adianto sobre o que pode dar de si o debate de mañá, venres.

DEBATES, MÚSICA, OBRADOIROS, TEATRO…

Este faladoiro sobre ruralidades queer está previsto para as 18.00 horas deste venres 30 e contará con catro convidados: Paris Xacia Ceive —unha estadounidense ‘trans’ que se instalou en Galicia e puxo en marcha un proxecto dirixido a este colectivo—; Beatriz Suárez Briones —profesora da Uvigo que falará da teoría queer fronte ás etiquetas clásicas de ‘gai’ ou ‘lesbiana’—; Cabezuda Travesti Divine —isto é, Fran Quiroga, investigador da USC que abordará a evolución do rural e analizará a ‘festividade’ LGTB—;  e Brigitte Vasallo —que aportará unha mirada externa, como persoa chegada dende Barcelona a Galicia—.

A custodia do corno Agrocuir vai pasando de vivenda en vivenda e é un símbolo do festival | Festival Agrocuir da Ulloa

Por suposto, esta só é unha das múltiples propostas do Festival Agrocuir da Ulloa para este 30 e 31 de agosto. Haberá moita música, con cantos de taberna ou artistas como Mounqup, Boyanka Kostova ou Laura LaMontagne. Tamén terán un oco importante os obradoiros de baile tradicional ou artesanía, nesa liña de facer do festival unha cita familiar. Non obstante, unha das actividades que máis recomenda Braulio Vilariño é o espectáculo Tabú, ás 18.30 horas do sábado.

A lucense Carmen Conde é quen lle dá forma a esta función, na que tamén traballa Natasia Zürcher na parte da música. Tabú nace dunha serie de conversas que mantivo a artista con señoras de entre 70 e 95 anos. Amores, medos, violencia, sexo, menstruación, erotismo… son algúns dos asuntos que foron tecendo os diálogos e que agora chegan ao escenario. “Contábanmo con moita naturalidade, así que eu procuro trasladalo dun xeito moi natural tamén: tendendo a roupa íntima. É un acto que simboliza iso de sacar fóra as cousas que sempre estiveron gardadas“, eses tabús que lle dan título ao espectáculo.

Tras once funcións que mesmo a levaron ata terras mallorquinas, Carmen decatouse de que as cuestións tratadas non son locais, nin moito menos, senón que conectan coas mulleres de diferentes lugares. “Son emocións moi diferentes”, pero moi comúns. Di, por exemplo, que todas as mulleres coas que falou pensaron que se habían desangrar cando tiveron a primeira regra. A menstruación era un tema tabú. Pero tamén o erotismo ou os abusos sexuais. “Entre as moitas historias de violación coas que atopei, houbo unha que me impactou especialmente e que conto na actuación”, avanza.

“Agora meus pais poden entender a meu irmán”

AS IMPLICACIÓNS DO FESTIVAL NA VECIÑANZA

Quizais todo o festival se trate precisamente diso. De rachar tabús. De asentar as bases para outras iniciativas semellantes en diferentes vilas galegas. De abrir portas (e armarios) para falar e entendernos. “Onte mesmo, unha señora achegouse a falar cun rapaz do colectivo Agrocuir“, relataba Braulio Vilariño, “díxolle que o seu fillo de 16 anos lle acababa de contar que é gai. Veu falar con nós para pedirnos que o apoiaramos, que falaramos con el, co pai… Iso foi unha marabilla!”.

Agora meus pais poden entender a meu irmán e poden ver que é posible que viva en Monterroso, que non pasa nada“, dixéralles outra persoa nunha das primeiras edicións do festival. Son todas elas frases que poñen a pel de pita polo que implican. Deixan boas sensacións no corpo, porque é a confirmación dun tempo novo e máis xusto. Longa vida ao Agrocuir!

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...