As asociacións animalistas Libera e Fundación Franz Weber solicitaron unha investigación formal e a total depuración de responsabilidades sobre a aparición dun lobo morto nun núcleo rural de Monterroso, en “medio dun camiño asfaltado e con feridas compatibles cun disparo”.
Os animalistas lembran que o autor ou autores deste acto “de crueldade” poderían enfrontarse a responsabilidades penais, cunha pena de “multa de oito a doce meses e inhabilitación especial para o exercicio do dereito para cazar ou pescar por tempo de dous a cinco anos”.
Os colectivos vinculan o achado coa “campaña de odio dalgúns gandeiros e pseudosindicatos relacionados co sector primario” dos últimos anos, en especial, “2017 e 2018, para levantar calquera protección ao lobo e “poder efectuar numerosas batidas”.
Neste sentido, lamenta que se pretenda trasladar ao Medio natural e á súa fauna a responsabilidade sobre actividades “meramente humanas”, debido ao “desprazamento constante de hábitats e unha descompensación grazas á caza que motiva que os depredadores busquen un alimento de forma máis sinxela”.
Os animalistas tamén cuestionan se non se deu aviso ao Corpo de Axentes Ambientais.