Unha tese doutoral realizada no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC, Madrid) e defendida recentemente na Universidade Complutense de Madrid (UCM) establece a evolución do poblamiento castrexo e dos procesos de territorialización na serra oriental galega e o sector meridional lucense.
O autor, Luís Francisco López González, realizou a investigación baixo a dirección de Almudena Orellas Saco do Val (CSIC) e Teresa Chapa Brunet (UCM). A tese obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude.
“Esta tese é o resultado dunha longa investigación centrada no estudo do poboamento da Idade do Ferro e de época romana altoimperial nas serras orientais galegas dos Ancares e O Courel e no sur da provincia de Lugo. Baséase nun rexistro obtido no curso de traballos de arqueoloxía de xestión, incluíndo as escavacións nos castros Sta. María de Cervantes, Castromaior, Viladonga, Arxeriz e Castañoso”, explica o autor.
“Os datos ofrecen unha nova imaxe da evolución do poboamento castrexo, do impacto e dos cambios causados pola conquista romana, entre os que destaca o desenvolvemento dunha intensa minaría do ouro, materializada na zona tratada en preto de 500 explotacións mineiras auríferas, a maior parte inéditas”, destaca.
A tese tamén aborda o estudo da construción dos castros (función e significado social das delimitacións, transformacións efectuadas para o acondicionamento do emprazamento ou planificación dos recintos e espazos interiores), prestando especial atención ás técnicas construtivas empregadas polas comunidades castrexas, ás innovacións e os cambios na construción e concepción do espazo doméstico, que traducen, en palabras do autor, “transformacións nas dinámicas sociais das comunidades castrexas”.
Outro aspecto tratado na investigación é o estudo en profundidade da minaría aurífera da zona, desenvolvida en época altoimperial romana, coa que se relacionan profundos cambios na estruturación do territorio.
“Identificáronse labores mineiros e os sistemas hidráulicos que permitiron a súa explotación, así como o poboamento vinculado a elas. Iso permite ampliar cuantitativa e cualitativamente o coñecemento sobre o impacto que os intereses imperialistas de Roma provocaron nesta rexión do noroeste peninsular”, apunta o autor.
O AUTOR
Luís Francisco López González, doutor en Prehistoria pola Universidade Complutense de Madrid, colaborou en proxectos científicos centrados na Idade do Bronce no Sueste e a cultura castrexa.
Na actualidade, a través da empresa Terra Arqueos, desenvolve proxectos de prospección, escavación e posta en valor de asentamentos castrexos e romanos no noroeste da Península Ibérica.