Atopan un castro inédito no concello de Lugo

Castro atopado no monte Segade, en Asteriz, no Concello de Lugo / Patrimonio dos Ancares

A colaboración entre a asociación de recreación histórica de Lugo Tir Na N´og e o colectivo Patrimonio dos Ancares permitiu documentar un asentamento tipo castro no concello de Lugo. Foi no monte Segade, pertencente á aldea de Astariz, en O Veral. Trátase do primeiro castro documentado nesta parroquia.

Curiosamente, no lugar onde se atopou esta fortaleza castrexa consérvase o evocador topónimo de O Castrelo. Non figura recollido nin nos visores da Xunta de Galicia (Plan Básico Autonómico e de Aproveitamentos Forestais) nin no PXOM do Concello.

Segundo apunta Patrimonio dos Ancares nun comunicado, o castro atópase a 450 metros de altitude. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 65 por 45 metros. Acaroado polo sur obsérvase un pequeno antecastro de 30 por 20 metros. Excepto polo norte, o asentamento está defendido por unha muralla e o desnivel do terreo, máis pronunciado polo este, que remata nun pequeno curso de auga.

“Por todo o recinto vense numerosas penas de boa feitura, ademais dun muíño navicular realizado en pedra granítica e reutilizado posteriormente nun muro divisorio de herdades. Sobre unha traballada pedra de forma rectangular, lixeiramente inclinada, vese unha canle de clara factura artificial pola que discorrería auga ou algún tipo de líquido prensado previamente na pía que hai na parte superior”, sinala.  O achado xa foi comunicado a Patrimonio para que procedan a incluílo no Inventario de bens culturais de Galicia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here