InicioMedioambiente e PatrimonioO Consello de Europa advirte sobre a desprotección da lingua galega no...

O Consello de Europa advirte sobre a desprotección da lingua galega no Bierzo

Un Comité de Expertos recomenda a aplicación inmediata de medidas para protexer os galegofalantes de Castela e León. Por outra banda, dende o colectivo Fala Ceibe denuncian que "a TVG xa non se ve dende hai semanas" en territorio berciano. Lembran que a difusión destas canles televisivas é fundamental para normalizar a presenza visual do galego.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Consello de Europa ve desalentadora a situación do galego no Bierzo leonés: non percibe ningunha mellora en termos de promoción da lingua. Iso é o que se desprende dunha análise desenvolvida por un Comité de Expertos en base á Carta Europea para as Linguas Rexionais e Minorizadas. O informe resultante recomenda a aplicación inmediata de medidas de protección para as persoas galegofalantes de Castela e León.

O traballo pretendía estudar o nivel de cumprimento da citada Carta Europea en cada un dos territorios con linguas minorizadas. É o caso do Bierzo, onde o galego resiste a pesar de pisar chan castelán. Así e todo, a súa supervivencia futura non está garantida se se continúa coas políticas lingüísticas actuais. Segundo o documento do Consello de Europa, o Estado non puxo en marcha ningunha “acción decidida por promover o galego” en territorio berciano.

En concreto, non se estarían cumprindo cuestións tan esenciais como a facilitación do uso do galego en ámbitos públicos (educación, autoridades administrativas, órganos xudiciais, medios de comunicación….) e privados; non se proporcionan instalacións que permitan aos non galegofalantes aprender esta lingua; nin tampouco hai unha aposta por facer investigación académica arredor do galego.

“As políticas e a lexislación están total ou parcialmente en conformidade coa Carta”, asegúrase no documento, pero cun engadido importante: na práctica, “o compromiso só se implementa en parte“. Ademais, o informe fai referencia á imposibilidade de afondar máis no asunto debido á “insuficiente” información trasladada polas autoridades.

QUEIXAS PORQUE A TVG “XA NON SE VE NO BIERZO”

No que respecta ao desleixo institucional sobre a promoción do galego en León, o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo denunciou recentemente que “a Televisión de Galicia xa non se ve no Bierzo dende hai varias semanas”. Aseguran que recibiron numerosas queixas de veciños de diferentes localidades en relación á falta de percepción de sinal das canles da TVG.

“A TVG xa non se ve no Bierzo dende hai varias semanas”

“Para normalizar a presenza visual do idioma galego na rexión berciana resulta fundamental a súa difusión a través da Televisión Pública de Galicia”, lembraban. Por iso, pedían a colaboración da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León para solucionar este problema, en consonancia coa lexislación autonómica e coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.

O GALEGO EN GALICIA: “LIMITACIÓNS” NA DOCENCIA

Por outra banda, o Consello de Europa tamén emitiu unha valoración sobre a situación do galego a nivel autonómico. As conclusións son contundentes: descende o número de falantes, fallan as medidas para facilitar a atención desde a administración e a presenza do galego no sistema educativo é “insuficiente”. Así pois, recomendan eliminar de inmediato as “limitacións” existentes para impartir docencia na lingua de noso. 

ÚLTIMAS

Falece unha persoa ao caer co seu coche ao río no centro de Sarria

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste venres tras sufrir un grave accidente...

O Goberno adxudica o proxecto para construír 13 vivendas de aluguer alcanzable en Pedrafita do Cebreiro

Casa 47, a Entidade Estatal de Vivenda adscrita ao Ministerio de Vivenda e Axenda...

A exsocialista Reigosa volve apoiar unha enmenda do PPdeG, aínda que apoiou os orzamentos para 2026

O pleno municipal extraordinario celebrado este venres en Lugo deu o visto e prace...

O Concello de Lugo pide evitar as zonas inundables ante a crecida do Miño

O Concello de Lugo realizou este venres un chamamento á cidadanía para que evite...