Poucas ideas tan fortes e compactas para un momento no que son máis precisas que nunca. O venezolano David Parra Lezama, coa súa chispa e contaxiosa ledicia, leva anos defendendo como poucos o comercio local lucense dende o seu proxecto La Q-Ponera de Quique. Nestes meses de confinamento, a súa emprendedora e creativa mente non parou de botar fume, e o resultado é un proxecto absolutamente innovador e pioneiro.
“SuperQuique ó rescate do comercio local” é con seguridade un dos primeiros videoxogos que teñen a Lugo como escenario, e, con seguridade, un dos primeiros videoxogos do mundo construídos para defender o comercio local. Como?
O VIDEOXOGO
Coas súas primeiras fases xa dispoñibles en liña, SuperQuique é unha evolución da coñecida personaxe lucense de Quique, ese simpático boneco presente en tantos comercios e barras de bares da cidade. Se este xa levaba anos dándonos a coñecer os comercios locais dende La Q-Ponera, nesta crise sanitaria sacou do seu interior todas as forzas do mundo para converterse nun superheroe que chega incluso a voar para axudarlles ás carniceiras, ós ferreteiros ou panadeiras lucenses.
“SuperQuique é unha iniciativa que pon rostro e historia a un movemento social a nivel mundial por rescatar o valor da compra no noso comercio local como estratexia para manter vivas as nosas cidades. Dun modo lúdico facemos que o cidadán reflexione sobre a importancia de ser partícipe activo na sostibilidade do delicado tecido social, comercial e ata turístico do que dependen as nosas cidades ante a irremediable avalancha que supón o comercio en liña e a súa influencia nos hábitos de consumo da sociedade. Con isto tentamos á vez fomentar no comercio de barrio a conciencia sobre o necesaria que é a adaptación ás novas tecnoloxías para competir en igualdade de condicións ou polo menos tentando equilibrar a balanza”, dinos o seu creador David Parra Lezama.
OS RECUNCHOS DA CIDADE
Paseando por Lugo con SuperQuique imos descubrindo —é incluso obrigatorio para superar as fases mercando chaves ou resolvendo misterios— infinidade de comercios da cidade e os seres humanos que están detrás deles.
Ademais, no videoxogo, paseamos por espazos icónicos de Lugo como a Casa Consistorial, a Catedral, a Muralla Romana, a Praza do Campo, o Miliario de Armanyá ou ata os característicos plataneiros da Avenida Ramón Ferreiro. “Unha excelente forma de promover o turismo, pois os lucenses podemos enviarlles ós nosos amigos o link de cada cidade e convidar a que coñezan a nosa historia e os nosos atractivos turísticos mentres xogamos. É de sobra sabido que xogando é como mellor aprendemos e recordamos”, dinos David.