Os animalistas acusan á Xunta de desinformar sobre o xabaril

Os colectivos a prol do medio ambiente entenden que esta medida extraordinaria e paralegal "xustifica no terreo electoral a inactividade" da Xunta

EU eleva ao Senado a caza con arco do xabaril | Tim Donovan - https://www.flickr.com/photos/myfwcmedia/37302770356/in/photostream/
EU eleva ao Senado a caza con arco do xabaril | Tim Donovan - https://www.flickr.com/photos/myfwcmedia/37302770356/in/photostream/

Para os animalistas, a solución dos arqueiros para acabar co xabaril na contorna de Lugo é unha ocurrencia cruel, ineficaz e paracientífica. Así cualifican o protocolo extraordinario lanzado pola Xunta de Galicia a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, que lembran o fracaso desta táctica no concello coruñés de Cambre. Sobre as explicacións do goberno galego, censuran que a conselleira Ángeles Vázquez “xogue co medo social” e “desinforme”.

As esperas nocturnas dos arqueiros realizaranse no espazo periurbano da cidade, espazo no que está prohibido a caza. O propio executivo autonómico presume dun protocolo “excepcional, o primeiro en Galicia”, que segundo os colectivos a prol do medio ambiente supón incumprir a lexislación co gallo de “xustificar no terreo electoral a completa inacción na prevención de danos por fauna silvestre” e a ausencia de solucións alleas á caza.

Nese senso, critican que o goberno galego insista en favorecer os intereses “ultraminoritarios” dos cazadores, “consentindo batidas onde calquera lucense pode transitar” e deixando as faixas de seguridade da Lei de Caza “en papel mollado”. A distancia de seguridade en poboacións foi reducida recentemente a 100 metros, a metade da prevista inicialmente.

Existen dous antecedentes da situación de arqueiros para abater xabarís, e datan de 2014 e 2016. O departamento de Medio Ambiente autorizou batidas con esta arma en Fene e Cambre, respectivamente. As cacerías saldáronse con pésimos resultados, como admitiron os propios cazadores, proclives ás batidas tradicionais. Os animalistas tachan o método dos arqueiros de “extremadamente cruel” e “paracientífico”, malia que a Xunta de Galicia deseñou o protocolo canda a sindicatos agrarios, cazadores, corpos de seguridade e expertos do eido universitario.

Medio Ambiente estudará levar a medida a outros concellos

Comisión encargada do protocolo contra o xabaril: o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Margarita López, representantes de distintos departamentos da administración autonómica (Medio Ambiente, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Emerxencias), do Concello de Lugo (tenente de alcalde e Protección Civil), das Forzas e Corpos de Seguridade (Seprona, Garda Civil de Tráfico), sindicatos agrarios e integrantes dos Tecores | Xunta de Galicia

As batidas con arqueiros en Lugo realizaranse “con toda seguridade”, confirmou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Despois das primeiras esperas nocturnas, estudiarase a posibilidade de trasladar esta táctica a outros puntos da xeografía galega afectados polo descontrol do xabaril.

Vázquez asegurou que “había que facer un plan de contención” perante os estudos que constatarían a “sobrepoboación” da especie e os prexuízos para o sector agrogandeiro, así como o aumento de accidentes constatado en Lugo. Outra das inquedanzas, trasladou, reside na relación con enfermidades coma a peste porcina, a brucelose e a tuberculose.

Acerca deste extremo, os animalistas aclaran que o caso máis próximo de peste africana porcina nun xabaril deuse na rexión de Etalle, na parte valona de Bélxica que linda con Francia, a máis de 850 quilómetros da fronteira española máis próxima. No entanto, lembran que lembran que “xa existe un Plan Nacional de vixilancia epidemiolóxica específico” para as poboacións de xabaríns, no que se analizan “miles de cadáveres destes mamíferos en busca de enfermidades, sen detectar absolutamente nada”.

Para este ano, estímase unha mostra de douscentos exemplares en terreo galego nos que seguir realizando comprobacións, “a pesar da ausencia de casos próximos”. Libera e a Fundación Franz Weber cren que “non existe ningunha xustificación científica nin ética” que avale “cazar a flechazos aos xabaríns” no termo municipal lucense, unha modalidade “que provoca en non poucas ocasións unha lenta agonía dos animais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here