O campionato de caza da Terra Chá celebrouse entre irregularidades

A Xefatura Territorial de Medio Ambiente admitiu descoñecer parte da información requirida para a proba, e non emitiu a resolución no prazo legal

O campionato provincial de caza do raposo nunca debeu ser autorizado | LX
O campionato provincial de caza do raposo nunca debeu ser autorizado | LX

O campionato provincial de caza do raposo, desputado o pasado sábado 9 no tecor Terra Chá, nunca debeu ser autorizado. O esforzo da Federación Galega de Caza e das administracións por agochar a proba derivou nunha serie de irregularidades, que puideron pór en risco a vida das persoas que, alleas á actividade, entraron esa xornada no terreo cinexético máis grande de Galicia, con 46.000 hectáreas a través da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei.

O Regulamento de Caza de Galicia estabelece que a autorización da proba require a comunicación con antelación mínima de dez días, indicando o número aproximado de cazadores, o lugar e a hora de reunión, e transmitindo a Medio Ambiente as manchas a bater. A Xefatura Territorial ten despois cinco días para denegar a celebración da proba; de expirar o prazo de resolución, a cacería enténdese autorizada.

LX

Aliás, un escrito asinado pola xefa territorial, Margarita López Blanco, deixa claro que estes datos eran descoñecidos dous días antes do campionato, oculto no calendario oficial da Federación. A solicitude fora presentada o 5 de decembro, e o 7 de febreiro seguía sen contar con autorización. O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) carecía de datos e a Subdelegación do Goberno ignoraba a existencia da proba. A información estaba incompleta, e Medio Ambiente deixou pasar o prazo legal.

Malia ignorar cantos cazadores asistirían e por onde realizarían a cacería, a administración autonómica tiña constancia de medio cento de roteiros alleos á caza polo mesmo tecor. Tal afluencia non era casualidade, pois os colectivos a prol do medio ambiente sabían que o campionato provincial tería lugar. O pavillón de Muimenta, en Cospeito, albergaba na mesma data unha comida para douscentos cazadores.

Máis de trinta activistas procedentes de varios puntos de España accederon o sábado ás terras do tecor por distintas vías. Medio Ambiente limitárase a comunicar, no mesmo escrito do día 7, que a proba abranguería toda a superficie do tecor, sen sinalización específica, e que as manchas dependerían do número de participantes. O departamento explicou que os participantes nas excursións debían proceder polas estradas e camiños, por seren zonas de seguridade, e que o tecor recibiría aviso para evitar cazar preto dos itinerarios.

Sen dispoñer de datos para valorar os riscos para cazadores e activistas, a administración galega realizou unha xestión neglixente e pouco transparente, en conivencia cos organizadores, sobre os que descargou a responsabilidade. O escuro proceder non conseguiu ocultar o campionato, sufragado con cartos públicos, mais si comprometeu o axeitado desenvolvemento da proba, derivando nun perigo inaceptable.

[Vídeo] Un cazador dispara contra activistas en Castro

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here