Podemos contacta en Lugo con integrantes de Anova e ex de Lugonovo

O líder local de Podemos, José Pérez, pide superar as siglas e regresar ao municipalismo con novas caras para construír a alternativa en Lugo

José Pérez Josito, secretario municipal de Podemos Lugo | Máis Podemos
José Pérez Josito, secretario municipal de Podemos Lugo | Máis Podemos

Podemos celebrará as primarias para escoller candidato en Lugo na primeira semana de febreiro, no medio das negociacións para sumar forzas con Esquerda Unida e Equo. José Pérez, quen encabezara a vía dos círculos locais na loita polo liderazgo da formación a nivel galego, será o número un nun proxecto que tenta trascender as siglas e seducir a elementos de Anova e ex de Lugonovo.

Deste xeito, a formación tenta conformar unha lista dende a que afrontar o treito decisivo das negociacións, e que sinale o camiño para a renovación do conxunto da alianza. En Podemos teñen claro que a alternativa nos comicios pasa por facianas novas e un cambio que ilusione, sempre dentro do paraugas da unión coa esquerda unitaria e os verdes.

A candidatura de Josito, secretario municipal, pasa pola transversalidade social e ideolóxica, aposta para a que contactaron formalmente con vellos coñecidos de Lugonovo e integrantes de Anova. Plantexan a posibilidade de ir da man tomando como base o acordo estatal que configura Unidos Podemos no Congreso dos Deputados.

Así as cousas, coincide o desexo de incorporar talento para crear unha “lista potente” coa necesidade de “ser quen de sumar” e “escapar do corporativismo”. O grupo de traballo de Podemos quere incorporar os movementos sociais para recuperar o émbolo do municipalismo, que tan bo resultado outorgou en 2015, en contraposición co personalismo que interpetan como prexudicial no contexto de Lugo.

José Pérez, Josito, durante a campaña para as xerais de 2015 dentro de En Marea | Podemos Lugo
José Pérez, Josito, durante a campaña para as xerais de 2015 dentro de En Marea | Podemos Lugo

Aseguran na candidatura que esperan xenerosidade para facer realidade a coalición para as municipais, a mesma xenerosidade que, afirman, amosaron cando Lugonovo era embrionario. Polo de agora, as reunións foron tomas de contacto. Despois de tres xuntanzas con Esquerda Unida, entenden que é o momento de incorporar a Equo e limar aqueles aspectos que máis os alonxan.

Aínda que non poñen data para a vindeira reunión, neste sector de Podemos entenden que o responsable é seguir negociando en paralelo, achegando posturas e gañando confianza á marxe do proceso interno dos morados. Apelan á necesidade de poder tomar decisións o antes posible sobre o programa e a relación entre as tres forzas. A consigna é non precipitarse e non dificultar un eventual acordo, mais sendo coherentes “co peso electoral” de cada un dos actores.

Josito, que conta co total apoio da dirección galega, aspira a emular o espírito do 15M, deixando un papel protagonista aos movementos que levan máis tempo á fronte da reinvindicación social. Deste tecido asociativo da cidade agardan que se incorporen persoas a lista, aos equipos de traballo e de asesoramento.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here