A xestión das vivendas ocupadas divide a esquerda de Lugo

Lugonovo fai prosperar a iniciativa do Partido Popular para a creación da oficina que asesorará os propietarios de vivendas ocupadas

Cristina Pérez Herráiz, voceira de Lugonovo, durante o debate sobre a creación da oficina de asesoramento a propietarios afectados pola ocupación ilegal | Óscar Bernárdez
Cristina Pérez Herráiz, voceira de Lugonovo, durante o debate sobre a creación da oficina de asesoramento a propietarios afectados pola ocupación ilegal | Óscar Bernárdez

Hai ocasións en que as decisións do pleno local atravesan a xestión do común e acadan o debate ideolóxico. O normal é que esta clase de posicionamentos da corporación de Lugo estean vencellados a instancias superiores, sen que a votación sexa vinculante. Mais, desta vez, a sesión plenaria fixo agromar as diferenzas mesmo entre os decote aliados, deixando un fito: Lugonovo facilitou, canda a Cidadáns, un acordo provinte do Partido Popular nun asunto tan polémico coma é a xestión das vivendas ocupadas.

Minutos antes, a cita semellaba previsible. Comezara cun movemento desesperado do goberno local por eliminar o límite de horas extra dos funcionarios, iniciativa que presentaron sen dar nin vinte e catro horas ao resto de formacións para examinar o documento. O ardid espertou duras críticas na esquerda, que acusaron o grupo socialista de falta de diálogo e de incoherencia por tentar transformar o traballo extraordinario na norma. A tentativa morreu indefectiblemente.

O pleno discorría e a bancada popular semellaba illada na meirande parte dos temas. O grupo máis numeroso da corporación defendía con denodo a xestión da Xunta de Galicia, quedando en solitario en cuestións estratéxicas, na enerxía, na sanidade e na corporación pública de radio e televisión. Nin a presenza da delegación de Querendo, Mulleres con Endometriose conseguiu arrincar a abstención dos populares para crear  en Lugo unha unidade especializada nesta doenza, que sofren 60.000 galegas.

Antonio Ameijide | Óscar Bernárdez
Antonio Ameijide | Óscar Bernárdez

Porén, a soidade non era tal; precisamente foi a primeira proposta do Partido Popular a que rachou o bloque de esquerdas. O voceiro Antonio Ameijide iniciou a intervención especulando cun “efecto chamada” para a ocupación de vivendas, citando os barrios da Milagrosa, A Cheda, A Residencia, As Gándaras ou Feijóo. A acendida reivindicación da propiedade privada xerou alarma entre os grupos progresistas, inquedos pola receita neoliberal. 

A argumentación dos conservadores, loando a Lei de Enxuizamento Criminal, incidía na necesidade de protexer a propiedade e combater a ocupación, apuntandoo cara ás “mafias que se aproveitan de propietarios e persoas sen recursos”. Así, solicitábase crear unha oficina de asesoramento para acompañar os afectados, pór no mercado vivendas baleiras, e medidas sociais para as persoas que ocupan inmobles por mor da falta de recursos. “Defendemos axudar a quen o necesite, a propiedade privada non é só a banca”.

Contra isto, no Bloque Nacionalista Galego replicaron que xa existen organismos xurídicos e de seguridade para afrontar os casos de ocupación, acusando a Partido Popular e Cidadáns –que compartía o plantexamento– de aporofobia. Para Rubén Arroxo, a solución pasaría por dignificar o acceso á vivenda “e non por crear un sistema para expulsar ás persoas”.

Carlos Portomeñe, de ACE-EU | Óscar Bernárdez
Carlos Portomeñe, de ACE-EU | Óscar Bernárdez

O voceiro nacionalista asegurou que a proposta “roza o cinismo”, comparando este problema co dos desafiuzamentos. “A política da vivenda é competencia da Xunta, non do Concello”. En termos semellantes, Carlos Portomeñe, de Alternativa Cidadá de Esquerdas, trouxo a debate o artigo 46 da Constitución, convidando a eliminar a especulación nunha cidade en que unha de cada cinco vivendas está baleira.

No Partido Socialista expresaron o seu desacordo co que consideraban “unha oficina de consumo” que deixaría sen tocar a orixe do problema. En principio, o posicionamento de Lugonovo era próximo a estas coordenadas, situando a orixe da ocupación ilegal “nun modelo de urbanismo indigno” e na falta de axudas. Porén, condicionaron o seu apoio á enmenda que ampliaría as funcións da oficina de asesoramento, engadindo a promoción do parque de vivendas baleiras e información para o aluguer social. E froito desta sociedade antinatura, prosperou o acordo con trece votos positivos e once negativos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here