Un convenio oculto da Xunta dá privilexios a unha multinacional no HULA

Cuestionado pola Comisión de Transparencia, o convenio favorece a posición de mercado de Medtronic, con poder decisorio en cardioloxía do HULA

Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José

A agrupación provincial do Partido Socialista desvelou este mércores en rolda de prensa os primeiros detalles sobre un convenio opaco da Xunta de Galicia que afecta ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). O acordo concede a corporación Medtronic capacidade de decisión no departamento de cardioloxía, e a cambio da cesión de equipos tecnolóxicos, o Servizo Galego de Saúde achega os especialistas e o mantemento do equipamento.

É tal a implicación contemplada nun dos anexos do convenio –cuestionado pola Comisión de Transparencia debido á falta de publicidade– que a empresa participa da planificación –e non só no asesoramento– da asistencia en cardioloxía do HULA, o de maior taxa de mortalidade de Galicia. Medtronic forma parte da comisión que controla o convenio, órgano que pode saltarse as canles de contratación pública para afrontar sobrecustes ou investimentos imprevistos.

Para o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, este acordo contradi a versión da Consellería de Sanidade, que afirmou que o convenio non tería custe para a administración pública. Segundo reflicte o texto, a Xunta pon a disposición da corporación privada o persoal do hospital, asumindo o mantemento dos aparellos empregados por Medtronic no desenvolvemento do convenio.

“Queda patente –afirmou Santos– que isto faise co fin de que a empresa poida obter unha posición vantaxosa”. A propia sociedade de orixe estadounidense describe na orientación estratéxica do acordo que a súa intención é fortalecer a posición para ofertar operacións de transformación integral nas unidades clínicas. Para desenvolver as novas metodoloxías e perfeccionar os equipos, a Xunta pon recursos públicos, introducindo estes equipamentos nos protocolos clínicos sobre os que Medtronic ten potestade decisoria.

O voceiro municipal Miguel Fernández e o secretario xeral na provincia Álvaro Santos antes da comparecencia | Óscar Bernárdez
O voceiro municipal Miguel Fernández e o secretario xeral na provincia Álvaro Santos antes da comparecencia | Óscar Bernárdez

Ademais desta vantaxe sobre a competencia, o goberno galego outorga acceso a datos básicos protexidos dos pacientes crónicos, que a compañía pode explotar a través do convenio. De forma periódica, Medtronic pode acceder ao conxunto mínimo básico de datos, que comprende o informe clínico e o historial dos pacientes. No PSdeG consideran que “isto é preocupante, porque deixa a dúbida de se o Regaliam [rexistro galego de infarto] é realmente o instrumento polo que se toman as decisións, ou só unha máscara e hai outros intereses”.

Santos reiterou que na formación evitan por en dúbida a calidade técnica da multinacional –que cualificou de punteira no desenvolvemento de técnicas para distintas áreas clínicas– ou do servizo do HULA ou Sergas no seu conxunto. Porén, censurou que este convenio empregue recursos públicos e permita participar dos procesos operativos a un axente privado.

Así as cousas, o secretario xeral afirmou que o convenio que agora trascende “lévanos a ratificarnos no noso discurso: as decisións da Xunta non responden a criterios clínicos, senón a intereses entre o político e o económico, os intereses entre as compañías, o conselleiro e o presidente”. Devanditos intereses explicarían a ausencia da hemodinámica vinte e catro horas no HULA, un dos servizos afectados polo convenio. “Unha multinacional ten a disposición os nosos datos e recursos públicos para mellorar os produtos que ofrece, unha situación privilexiada no mercado a conta da nosa saúde”.

Dende a Consellería de Sanidade replican que o acordo non concede a capacidade de intervir en decisións clínicas nin inclúe o acceso a información clínica protexida, restrinxida por Lei Orgánica, integrada no sistema IANUS e accesible unicamente para os profesionais do Sergas. Así mesmo, fontes do departamento autonómico aseguran que non se saltaron ningún trámite e trasladaron toda a documentación á Comisión de Transparencia.

Segundo a Xunta, o convenio unicamente recolle a cesión dos equipamentos “de xeito que increméntase a dotación de equipos diagnósticos dispoñibles e facilítanse máis medios aos profesionais para aumentar a súa capacidade asistencial, sen custe algún para a administración sanitaria”.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here