InicioPolíticaA Xunta nega maior mortalidade no HULA contradicindo os seus datos

A Xunta nega maior mortalidade no HULA contradicindo os seus datos

Fronte ás acusacións dos socialistas lucenses, que cualifica de infundadas, o goberno galego asegura que a atención ao infarto no HULA é igual ao resto de Galicia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Unha importante representación do Partido Socialista concentrouse este martes perante o Parlamento de Galicia para esixir á Xunta un servizo de hemodinámica 24 horas en Lugo, así como a publicación dos datos completos do Regaliam, o Rexistro Galego de Infartos de Miocardio. Fixérono con motivo do debate sobre as condicións da atención no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), caracterizada pola anormal taxa de mortalidade e o número de traslados de pacientes fóra da provincia relacionados con estas afectacións.

O Partido Popular sostivo e sostén que non existen diferencias significativas entre o tratamento do infarto de miocardio en Lugo e noutros hospitais galegos. Xustifican a non instalación da hemodinámica 24 horas no HULA polos datos do Regaliam, que fixeron públicos parcialmente tres meses despois da solicitude do grupo socialista no Parlamento. Son precisamente esas cifras as que agora contradicen.

Segundo os informes, dende xuño de 2015 ata setembro do 2017, un total de 203 persoas con casos de infarto foron trasladadas de Lugo a outros hospitais “por estar fóra de horario de oficina” do servizo de hemodinámica, e na cidade foron atendidas tan só 69. Por outra banda, o HULA é o hospital galego que máis tarda en aplicar a intervención de perfusión: 155 minutos, por enriba dos 120 minutos que, lembran dende o PSdeG, “recomendan a OMS e as guías do mundo da cardioloxía”.

 

 

Número de pacientes tratados no HULA no servizo de hemodinámica entre xuño de 2015 e setembro de 2017
E os tratados fóra do HULA, trasladados ao CHUAC da Coruña no mesmo período

A combinación do tempo de espera e maila necesidade de traslado de tres de cada catro pacientes con patoloxía cardíaca levan ao HULA a ser o hospital con maior taxa de mortalidade de Galicia. Tal e como explicou o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, a taxa supón “moitísimo máis en termos globais, o 4,6 por cento frente ao 2,9 en Pontevedra ou Santiago; e na mortalidade despois de perfusión, en Lugo é do 3,6 fronte ao 2,1 por cento de Vigo”.

Durante a concentración, Santos insistiu en que non estender o servizo de hemodinámica obedece a “intereses inexplicables, que responden unicamente o desprezo de Feijóo e do PP aos veciños de Lugo”. “Non hai ningún interese sanitario que o poida justificar. Ten que ser algún interese escuro e descoñecido, un interese que afecta ao PP, que afecta directamente o presidente da Xunta ou ao conselleiro de Sanidade”, afeou finalmente o líder dos socialistas lucenses.

Para o executivo autonómico, porén, a realidade é ben distinta. Segundo argumentan fontes do Sergas, “non hai diferenza algunha entre a taxa de mortalidade por infarto agudo de miocardio entre os pacientes de Lugo e os do resto de Galicia”. É por isto que consideran “graves, alarmantes e infundadas” as acusacións do Partido Socialista, aínda que contradicen a súa propia información trasladada á cámara parlamentaria.

Taxa de mortalidade desagregada, segundo as estruturas hospitalarias

Así, dende o Sergas aseguran que o estándar de calidade para a mortalidade en pacientes con infarto de miocardio após a anxioplastia despois de 30 días debe ser menor do 5 por cento, como fixa a Sociedade Española de Cardiología, e sinalou que na zona de Lugo este valor “mellora” o parámetro límite. Os responsables da saúde galega reiteran que “é falso que en Lugo haxa unha maior mortalidade”.

A Xunta informou de que é a Comisión de Control e Seguimento a que avalía todos os datos relacionados coa atención ao infarto de miocardio en Galicia, formada por expertos dos Servizos de Cardioloxía de todo o país.

Respecto diso, tamén explicou que esta comisión se reúne “de forma periódica, monitorizando os datos e avaliando os resultados”, con estudos “dinámicos” feitos “cada certo tempo”, nos que se reflicte que “a mortalidade por infarto na provincia de Lugo non é distinta á do resto de Galicia”.

Amais, fronte á solicitude do secretario xeral do PSdeG de Lugo de que se estenda o servizo a todo o día, a Xunta asegurou que a Unidade de Hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti funciona en “horario continuado”, desde as 8 da mañá até as 10 da noite, con “ampliación horaria motivada precisamente polos estudos e avaliacións realizadas polo grupo de expertos”.

O goberno galego indicou que, desde o ano 2011, o Servizo de Cardioloxía do HULA asume gardas de presenza física as 24 horas do día —en Galicia, só os hospitais de Santiago, Vigo e Pontevedra dispoñen desta modalidade asistencial—. Así, asegurou que a súa posta en marcha supuxo “unha redución da mortalidade por infarto agudo de miocardio do 50 por cento”.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...