InicioMedioambiente e Patrimonio"Ofensiva eólica" na provincia de Lugo: serras e espazos naturais en perigo

“Ofensiva eólica” na provincia de Lugo: serras e espazos naturais en perigo

O Sindicato Labrego Galego denuncia a implantación de varios parques eólicos que poñen en perigo a fauna e a flora de espazos protexidos lucenses.

PUBLICADA O

- Advertisement -
O Sindicato Labrego Galego vén de presentar unha nova batería de alegacións e peticións de informes de cara a frear a “invasión dalgúns dos espazos naturais máis senlleiros na Serra dos Ancares e do seu entorno” por varios proxectos de parques eólicos; e doutros espazos naturais da provincia de Lugo. Así mesmo, o sindicato tamén interpelou por este motivo ao Consello Científico de Parques Nacionais, organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

PARQUE EÓLICO DE BARJAS

O primeiro dos parques ao que fai referencia é o de Barjas, que pretende instalar 22 aeroxeradores cunha potencia total de 121 MW e as súas liñas de evacuación nos concellos de Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (León) e Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras. Diante disto, o SLG “interpela o Consello Científico de Parques Nacionais e o órgano reitor da Reserva da Biosfera de Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para que solicite informe ao Consello Científico da Unesco”.

Segundo recollen no comunicado, o Parque Eólico de Barjas afecta “de maneira severa” á Rede Natura e, en concreto, ás zonas de especial conservación (ZEC) de Ancares-Courel, Ribeira do Sil e afluentes e Macizo Central; á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e á futura Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, cuxa candidatura está a piques de ser aprobada pola Unesco e podería ficar comprometida por este proxecto enerxético.

PARQUE EÓLICO PENA DO FURCO

O SLG tamén interpelou aos ditos consellos científicos sobre o Parque Eólico Pena do Furco, promovido por Enel Green Power, que pretende instalarse no concello de Becerreá e contempla erguer sete aeroxeradores. A maiores, solicitan igualmente informes sobre o Parque eólico Hépotas II, en Muras, concello que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Trátase dunha ampliación con 2 aeroxeradores do proxectado parque eólico Hépotas, que xa contemplaba a instalación doutros catro no proxecto inicial. Unha situación que “delata a fragmentación dun mesmo proxecto para eludir trámites e obrigas ambientais e administrativas”, asegura o sindicato.

“Hai unha afección moi severa e incompatible coas zonas húmidas Tremoal e Brañas da Gañidoira, ambos pertencentes ao complexo de turbeiras e uceiras do Xistral”. Tamén terá repercusións, indica o SLG, sobre especies ameazadas como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou o voitre; e especies vulnerables como a salamántiga rabilonga, o sapo raxado, a ra ibérica, a píntega, o escáncer, o lagarto arnal, o aguaneiro e morcegos, entre outras.

Do mesmo xeito, núcleos de poboación como O Chao, O Vilar da Xestosa, Furco, O Couce, As Bouzas, O Coto, A Casanova da Xestosa, O Rego da Parede, O Pico Verde, O Porto, A Rega, Leganitos, A Abidueira, Curralvello, A Armada, A Paleira sufrirán unha “afectación severa” se este proxecto segue cara adiante.

PARQUE EÓLICO DE VILACHÁ

No concello de Ourol e Muras tamén saíu a trámite a ampliación do Parque Eólico de Vilachá, outra “fragmentación encuberta dun megaproxecto” contra a que o Sindicato Labrego Galego alega. Segundo informan no comunicado, preténdese aprobar un novo aeroxerador dentro do territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, con afección severa ao río Landro, na Serra do Xistral, protexido como zona de especial conservación (ZEC).
A nivel humano, afecta directamente aos núcleos de Vilachá (a 510 metros), Folgoselo (a 528 metros), A Carballeira (a 1.036 metros), As Pernas (a 1.581 metros) e Fornelos (a 994 metros).

PARQUE EÓLICO DE PENA OMBRA

Finalmente, dende o SLG tamén denuncian o Parque Eólico de Pena Ombra, situado nos concellos de Guitiriz, Curtis e Sobrado dos Monxes e, polo tanto, dentro das Reservas da Biosfera Terras do Miño, pola banda lucense; e Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na provincia veciña. O Parque Eólico de Pena Ombra está promovido por Greenalia Wind Power e contempla a instalación de dez aeroxeradores que alcanzarán unha altura de 180 metros na parte máis alta do diámetro do rotor. Estarán situados na área de reserva da Serra da Cova da Serpe, proposta para ampliación da Rede Natura.

Entre as afectacións deste parque destaca o impacto sobre o nacemento de cursos fluviais, xa que a Serra da Cova da Serpe se atopa na divisoria de augas entre as concas dos ríos Miño, ao leste, e Mandeo, ao oeste, co nacemento dunha vintena de cursos fluviais. Por este motivo, dende o SLG esixen a realización dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico previo “co fin de garantir a non afección a acuíferos e garantir a calidade das masas de auga superficiais e soterradas”. Tamén están afectadas varias zonas húmidas e especies animais protexidas, destacan no comunicado.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...