InicioSociedadeO cura de Momán "invoca a Deus" para que "mande un arquitecto"...

O cura de Momán “invoca a Deus” para que “mande un arquitecto” que arranxe a estrada de Xermade

"Eu teño que utilizar os meus recursos", di Luis Rodríguez Patiño, que lamenta que a Deputación manteña esta vía feita "un desastre". En comparación co tramo que pertence a Lugo, o anaco que depende da Coruña "é unha autovía".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O cura de Momán, no municipio lucense de Xermade, Luís Rodríguez Patiño, oficiará unha misa o vindeiro domingo 18 de agosto, ás 12.00 horas, para “invocar a deus” e pedirlle que “se el ten algún arquitecto ou aparellador, que o mande”. A ver se así, di o párroco, se pode pór freo ao deterioro da estrada provincial LU-P-2204.

“Eu teño esa fe en que deus nos poida mandar a alguén ou influír na cabeza de alguén”, manifestou o cura, á vez que lamenta que a Deputación de Lugo, titular da vía, non cumpra as súas “promesas“. Dita estrada, “que está orzada, “segue igual”, feita un “desastre”, lamentou.  “Os camións teñen que andar quilómetros e quilómetros para recoller leite e dan toda a volta polo alto de Xestoso para volver á estrada das Pontes”, exemplifica sobre as condicións de dito viario.

O TRAMO DA CORUÑA, MOITO MELLOR CA O DE LUGO

O párroco chegou a “falar” co presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, para dicirlle que o tramo que depende da administración herculina parece “unha autoestrada” se se compara co ramal dependente da Deputación de Lugo que é “un desastre”, insistiu. “Que pasa que en Lugo, non pagamos os impostos igual?”, engadiu.

Luís Rodríguez Patiño alerta de que moitos condutores se “xogan a vida”, para xustificar así que pretenda conxurar a situación cunha misa convocada para o domingo, no lugar de Camposa de Mazandoi.

USAR OS RECURSOS DE CADAQUÉN

“Eu teño que utilizar os meus recursos e como sacerdote teño que pedir á sociedade que se respecte a vida humana. Aqueles que teñen o poder e que teñen que exercitar o ben público que o fagan dunha vez. Esta estrada parece un camiño de vacas“, afea o sacerdote, que non é a primeira vez que convoca aos seus fregueses para protestar polo estado desta estrada.

O cura de Momán chegou a suxerir que se “expropie” para mellorar as condicións da vía. “Non podes andar xogándote a vida, con fochancas e unha estrada estreita. Vén un camión e onde te metes?”, incidiu.

ÚLTIMAS

Detido en Lugo un home tras un roubo con violencia

A Policía Nacional informou da detención en Lugo dun home, veciño da cidade, como...

Xulgan a unha muller que se apropiou de 37.500 euros dun cliente que contrataba os seus servizos sexuais

Unha muller sentará no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo a próxima...

Detidos dous veciños por roubar 1.750 válvulas de bombonas de butano

A Garda Civil detivo na madrugada do xoves a dous veciños de Ferrol, de...

A Deputación de Lugo presume de política social con 136 millóns: “construimos 13 residencias en oito anos e a Xunta, 0”

Os orzamentos da Deputación de Lugo crecerán en 2026 ata superar os 135 millóns...