A campaña de Nadal, “moi positiva” para hostaleiros e comerciantes de Lugo

A boa climatoloxía foi un factor crucial para reverter un tardeiro inicio e a precipitación co alumeado de Nadal

Comercios do centro de Lugo durante o Nadal
Comercios do centro de Lugo durante o Nadal

O pequeno comercio e a hostalaría da cidade de Lugo fan balance dunha campaña que comezou con dúbidas e rematou en clara desaceleración. Malia isto, a impresión é moi positiva en todo o sector, mellor  incluso que no mesmo período do ano anterior.  A chave, o bo tempo.

Mais a climatoloxía non acompañou de inicio, que foi pouco apracible, e tampouco beneficiou a demora na instalación do alumeado de Nadal. Estes factores desincentivaron as compras e a actividade en aloxamentos e restauración. O empresariado do casco histórico sinalan que as luces non necesariamente incrementan o consumo, pero axudan a focalizalo. “As grandes cadeas gastan porque funciona”, salientan.

O alumeado de Nadal comezou a funcionar mediado o mes de decembro. O maior investimento permitiu superar en extensión ás da anterior campaña, pero, por mor da precipitación, a calidade resultou inferior. As présas impediron propostas orixinais e específicas para Lugo, o que puido observarse nos detalles das portas da Muralla ou o templete da Praza Maior, por exemplo.

Dende Lugo Monumental, a patronal do centro da cidade, critican que o Concello ignorou os avisos, e non é a primeira vez que acontece. Coma en 2014, a adxudicación asinada o día 3 de decembro á empresa subministradora impediu instalar o alumeado antes da ponte da Constitución, cando a campaña de Nadal afronta as xornadas decisivas.

Leccións da campaña de Nadal

Os empresarios valoran unha data “próxima e moi significativa” para o acendido das luces, o aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. “O 30 de novembro non supón antelación desmesurada e ofrece un atractivo máis”. O concurso e a licitación, iso si, terían que facerse con tempo abondo para obter máis ideas.

En Lugo Monumental convidan a retornar ao modelo anterior, no que cada rúa pagaba as luces e adornos, mentres que a administración local ocupábase do subministro eléctrico. Aquel sistema mudou, ironicamente, porque as grandes cadeas non aportaban como o pequeno comercio. A alternativa sería un modelo mixto que comezaría a planificarse a comezos do verán, e no que os comerciantes poderían pagar para facer engadidos no alumeado.

Outro dos elementos cos que hai que contar nestas datas son as actividades de dinamización, que no sector servizos cualifican como “regular”. A oferta do Concello foi positiva, atraendo movemento, do mesmo xeito que boa foi a recepción dos concertos e as sesións de cinema organizadas pola patronal; mais o mercado instalado pola Deputación foi “o peor”, pola tardanza na apertura e polas características do produto ofrecido, vencellado á promoción da artesanía.

Para mellorar e consolidar estas actividades, a proposta de Lugo Monumental pasa por unha estrutura fixa que substituiría ás carpas que o consistorio monta para o Nadal. Defenden que esta montaxe –que pasaría por un concurso de ideas– resultaría máis barata e podería acoller outro tipo de iniciativas nos días de choiva do resto do ano.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here