InicioMedioambiente e PatrimonioXesús Feás: “A velutina afectará á sociedade de Lugo”

Xesús Feás: “A velutina afectará á sociedade de Lugo”

O investigador e divulgador do Campus Terra pide pedagoxía acerca dos efectos da velutina para evitar caer nos erros do pasado

PUBLICADA O

- Advertisement -

O académico Xesús Feás é un investigador multidisciplinar, centrado no estudo da velutina e o seu impacto nas abellas. En 2017 foi seleccionado para coordinar a obtención dun biocida contra a vespa asiática, investigación que permitiu paralelamente sintetizar dúas feromonas e obter o veleno da especie. Canda este labor, Feás aspira a concienciar dos efectos globais da vespa invasora e combater a desinformación, e con tal fin presentou unha proposta para os orzamentos participativos de Lugo. Este mércores tivo a ocasión de adiantar detalles desta iniciativa no salón de actos do Pazo de San Marcos.

Identificación da velutina

“Dóeme cando vexo imaxes en medios que non corresponden coa vespa velutina”. A pesar da enorme cantidade de información que xera a expansión da especie por Galicia, segue a haber confusión arredor das características distintivas. “Se das un aviso e non é unha vespa velutina, estás mobilizando recursos e persoas. O básico ten que ser a identificación, e aínda non a hai, non todo é velutina”.

Inquirido por un retrato rápido, Feás comenta que “a velutina é de corpo negro e ten as patiñas amarelas, nas últimas porcións das patas”, en contraste coa vespa crabro ou europea, máis grande e totalmente marrón. A especie asiática “é máis oscura no abdome, cunha banda alaranxada”. O investigador opina que “tamén é responsabilidade dos científicos baixar á rúa” e transmitir as características básicas. “Non busco que a xente quede co ciclo de vida da velutina, pero si poder identificala e o que supoñen as especies invasoras”.

“A información sobre a velutina ten que ser honesta”. A pesar do seu coñecemento, recoñece que “non me atrevería a dicirlle a alguén picado por unha velutina que facer, á parte de ir ao Centro de Saúde”, papel que reserva a médicos e alergólogos. Compara o seu caso co dos apicultores, que “son especialistas porque coidan abellas, non porque maten vespas”. “Os apicultores deben ser os ollos dos científicos, pero hai que graduar as gafas: é importante rexistrar e tomar datos, con datos podes ter unha conclusión”.

Erros a corrixir

Mesa redonda sobre a velutina no marco da Feira do Mel do Valadouro | AXM
Mesa redonda sobre a velutina no marco da Feira do Mel do Valadouro | AXM

Pensando nas zonas aínda por colonizar pola velutina, Feás pide dotalas de coñecemento previo para non repetir os errores de Francia, España, Portugal ou Inglaterra. “Cando pasa o primeiro ano, o primeiro ciclo biolóxico, hai que prepararse para o peor”.

Un dos métodos probados na provincia de Lugo, e con aparente éxito no Valadouro, é a captura de raíñas con trampeo selectivo. “Hai experiencias en Australia con outros véspidos invasores que amosan que, con respecto ao ano en que máis raíñas se capturaron, ao seguinte houbo unha explosión grandísima na poboación”. Á parte deste resultado contraproducente, o investigador do Campus Terra alerta contra os efectos colaterais. 

Sucede co biocida que están a investigar. “Non se trata de matala rapidamente, senón de que poida voar e levar o insecticida ao niño”. Para iso fixeron commprobacións sobre se a velutina detecta o compoñente, medindo a concentración que permite unhas horas de vida no insecto. “Buscamos un medio máis eficaz para acabar cun niño, que non se empreguen litros de insecticida que gotean no ambiente”.

“Ten que ser unha loita intelixente”. Manipular o biocida pode comportar riscos. “Como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo”. Axentes ambientais, de protección civil e bombeiros deben retirar niños en distintas condicións, tanto en superficies arboradas como en zonas urbanas. Feás insiste en que deben contar con distintos medios para a retirada, e proteccións axeitadas. “Está por aparecer un traxe de protección cunha tea que sexa pouco pesada, transpirable e que protexa contra a picadura do insecto; non a hai”.

O académico traballou recentemente canda os Bombeiros de Santiago, experiencia que engade a colaboracións anteriores, coma un curso de capacitación para este corpo en Cantabria. “O que temos é un traxe inviable, abafas nel da calor. Os bombeiros non teñen un protocolo previo e posterior de actuación, moitos chegaban decatándose logo de que lle choraban os ollos e se sentían mal”. Esta situación é compartida polos bombeiros de Ourense, “que reclaman medidas de protección”.

Outro factor é a manipulación de biocidas. “Ten o seu risco. Despois de retirar o niño, como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo”. A realidade é que carecen de formación, eiva que podería atallarse a través dun “mando único”. “O que vaiamos a facer, o facemos porque o puxemos na mesa e tomamos esa decisión. Un protocolo e un director de orquestra”.

Pedagoxía

Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)
Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)

As especies invasoras son unha das causas principais da perda de biodiversidade, mais semella que o foco está sempre nas abellas. “A min preocúpame moito a apicultura, un piar fundamental para a biodiversidade e a nosa alimentación, proque se non hai polinización non hai froitos, non hai sementes, iso afecta aos campos”. Malia isto, matiza Feás que hai outras especies en risco. “Os apicultores dan a alarma porque cada parte ten o seu interese no asunto. Pero o resto de insectos que a velutina depreda, quen os coida?”. “As abellas sairán adiante, os apicultores as reproducen e coidan”.

Xunto a este aspecto, cuestiona a actitude da sociedade fronte a velutina, a tentar erradicar a súa presenza cando xa forma parte do ecosistema. Por iso di estar en contra do trampeo masivo. “Temos datos: un estudo no País Vasco, trampeo do 1 de setembro ao 30 de novembro; de 54.303 insectos, só 55 eran velutinas”. Asegura que os científicos deben avaliar a efectividade de toda acción, polo que é a súa responsabilidade ter en conta os efectos colaterais.

Nese senso, di estar totalmente en contra do trampeo. “Agora ben, tampouco lle podes dicir ao sector apícola que non poña trampas; pero o que se faga, que sexa selectivo e baixo control”. A escolla está lonxe de ser sinxela, pois esixe atender ás condicións físicas, a substancia colocada na trampa, o deseño da mesma, e o lugar e o momento da colocación. “Valoro a dispoñibilidade da xente e a súa boa intención, pero non pode ser unha mensaxe para os escolares, aos cativos, para que fagan trampas”.

A importancia desta mensaxe vai alén da velutina. “Non poden ser cazadores de insectos, teñen que ser protectores de insectos”. Así, pide a educadores e pais que “inciten a que fagan casas e hoteis para polinizadores, pequenas piñas e troncos para as abellas solitarias e outros insectos, inciten a plantar flores na contorna escolar”. Feás observa que a curiosidade dos rapaces pode colaborar a controlar as poboacións de velutina, pois “os nenos son todos ollos e teñen que poder saber identificar un niño de velutina, e deben ter un recoñecemento”.

“En termos científicos e pedagóxicos, non se lle pode falar a un cativo de que hai insectos bos e malos. Non hai vida boa ou mala”. Esta concepción “simplona” debe ser substituída pola divulgación das características do insecto, “explicar a súa importancia, por que chegou a velutina e como, e como pode ser útil para axudar a ter un medio ambiente san”.

Impacto ambiental, social e económico

En primeiro plano, vespa velutina | Karine Monceau
En primeiro plano, vespa velutina | Karine Monceau

Toca prepararse. “O ano que vén en Lugo, polos ciclos de auga, a vexetación e a situación dos núcleos rurais… afectará á sociedade”. A velutina estará presente en actividades cotiás, no desbroce, no coidado de monumentos, no tráfico e na intendencia. E chegará a crebar os ecosistemas máis delicados. “Teño referencias de que chegou ás Illas Cíes, co seu fráxil equilibrio: flores, insectos, paxaros”.

“O paradigma das especies invasoras” afectará ao turismo e especialmente ao sector primario. Ademais de afectar ao traballo no campo, a velutina dana a froita e a uva, iniciando antes de tempo a fermentación. Feás cita casos do País Vasco nos que a vespa asiática ataca o peixe nos barcos, “peixe danado que non vai ter saída comercial”.

E, por suposto, está a apicultura, afectada directa e indirectamente. “Teño constancia do risco que supón manexar insecticidas no ambiente do apiario. E das implicacións que pode ter na saúde das persoas e das abellas”. Os mesmos investigadores descoñecen se o uso de biocidas é efectivo.

Logo está a afectación psicolóxica nos apicultores, que desenvolven un vínculo coas abellas. “Cando morre unha colmea, a enterra coma se fora familia”. Entender o impacto global da velutina implicaría recursos nas áreas sociais para comprobar como empeorou a súa saúde dos criadores dende a aparición da especie invasora.

“A saúde das persoas non é só a ausencia de enfermidade. O sector apícola vén da barroa, dos pesticidas agrotóxicos que danan as abellas, dos transxénicos… e agora chega un novo depredador”. Feás explica que podemos ver reflictido nas abellas problemáticas que afectan ás xentes da provincia. “Son un espello de nós, con novas enfermidades, falta de recursos, despoboamento…”.

E de novo aparece a importancia da abella na biosfera. “O máis importante da apicultura non é o mel, é o servizo público de polinización. Sen abellas os ciclos naturais non se renovan, todo está en relación, os froitos polinizados por insectos duran máis tempo e son máis sabrosos”.

“É unha actividade discreta pero fundamental para a agricultura e a gandería, a de Galicia non é unha apicultura intensiva, é respectuosa, multifuncional”. Claro que, onde hai un problema, pode aparecer unha oportunidade. “A velutina ten que servir para reformular o sector apícola e coidalo como se merece, mimalo”. Para Feás, os apicultores deben acadar novas cotas de calidade, para prescindir da alimentación artificial para as abellas e empregar as paraxes naturais.

Tal avance comprendería novos aproveitamentos e produtos, coma o propoleo e o polen. “Coñecendo a flora apícola podes esmolgar meles monoflorais, que teñen un valor altísimo para o consumidor, igual non o de aquí, pero si para exportar”. Entende que “por descoñecemento” os apicultores mesturan variedades e eliminan o valor engadido. “É coma se xuntaras albariño con uva catalana”.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...