InicioCultura'Don Ricardo', máis ca un mestre para os seus alumnos do colexio...

‘Don Ricardo’, máis ca un mestre para os seus alumnos do colexio de Fingoi

Carvalho Calero era un docente "serio, estrito e esixente", pero soubo mostrar o camiño á alegría a decenas de nenos e nenas durante a escura etapa do franquismo. Neste ano no que é homenaxeado polas Letras Galegas, os seus pupilos lembran a principal lección de Don Ricardo: "o amor ao propio, ao que tiñas máis preto, sen prexuízos".

PUBLICADA O

- Advertisement -

‘Don Ricardo’ foi máis ca un mestre para os nenos e mozos que pasaron polas súas aulas no Colexio Fingoi de Lugo ou na Universidade de Santiago. O rostro serio e severo de Carvalho Calero agochaba , tras de si, a calidez dun home moi humano e un pozo de sabedoría que conseguiu espertar en decenas de persoas a alegría e o amor pola cultura nun período tan escuro como a ditadura.

O intelectual ferrolán, autodeclarado ‘fillo do cometa Halley’, entrou a Fingoi nos 50 nun momento moi difícil da súa vida, tras ser represaliado e encarcerado polo Franquismo. O empresario Antonio Fernández López apostou por el para sacar adiante un modelo educativo diferente, un colexio mixto que quería darlle unha oportunidade aos nenos do rural e ensinarlles a pensar por si mesmos.

A directora do centro, Asunción Fernández (ou ‘Siña’, como a chaman os seus coñecidos), foi unha daquelas nenas e tamén a encargada de recoller a testemuña dun mestre “excelente”, un home “sabio” e serio cuxa pedagoxía ía moito máis alá do “profesor di – alumno repite”. El non dubidaba en emocionarse recitando, cantando e rindo cos seus estudantes.

‘Don Ricardo’ vivía no mesmo centro, onde exercía permanentemente de docente e director, aínda que non de maneira oficial. “Estaba todo o día no colexio, no comedor comía connosco, no patio e tamén cando tiñamos a hora de estudo, porque non estaba permitido levar nada a casa. Controlaba todo iso”, lembra Asunción, nunha entrevista con Europa Press.

AMAR O PROPIO

A docencia de Carvalho Calero non se limitaba ao mero coñecemento, que aplicaba dun modo “estrito” e “esixente”: traballaba co contexto, recitaba poemas e cultivaba a creatividade do alumnado cos seus propios escritos, algúns deles premiados nos Xogos Florais e Minervais. “Hai xente que sabe moitísimo de todo e non chega a transmitir. E el, a pesar de ser un home moi recto, moi serio, era capaz de todas esas cousas”, insiste a docente.

A escritora Carmen Blanco, daquela unha nena, asegurou que as súas clases eran “moito máis que a materia que impartía”. “Ensinábanos a falar, a recitar, a pensar, a imaxinar, a ter criterio”. A autora lembra a principal lección de ‘Don Ricardo’: “o amor ao propio, ao que tiñas máis preto, sen prexuízos”.

Varios dos seus alumnos pertencían a familias “represaliadas” e de mentalidade progresista, lembra. Blanco xa era consciente da persoa “importante” que encarnaba o seu profesor polas historias que lle contou a súa familia.

Carvalho sabía ver o “especial” en cada un dos seus alumnos. Mostráballes a beleza da poesía e do mundo que lles rodeaba. Era un profesor “esixente e duro”, insiste Blanco, que ensinaba a “importancia do esforzo”, pero que “podía ser moi divertido”, comprensivo e animaba aos pequenos a xogar, “a buscar trevos de catro follas”. “Tiña un gran sentido do humor. Cando nós tentabamos poemas, con algúns choraba da risa”, rememora unha alegre Asunción Fernández.

RELACIÓN CO MUNDO

O ferrolán sabía relacionar todo o que impartía “co que pasaba en cada momento”, coa xeografía ou a música. “Gustáballe moito cantar, sempre nos ensinaba algunhas cancións, algunhas delas galegas, e emocionábase moitísimo“, destaca Fernández. Cada fin de curso, os escolares interpretaban obras teatrais dirixidas por el, aproveitando este medio para “desenvolver grandes capacidades”, a dicción e a entonación, sempre pendente da corrección da fala.

Tamén acompañaba os nenos en viaxes de estudos, con saídas pola contorna, para cultivar o coñecemento a través da etnografía e a observación directa. Moitos alumnos “tiveron a sorte de coñecer a Otero Pedrayo ou a Ramón Piñeiro, moi amigos del”.

PARA DESCUBRIR A HISTORIA

Blanco volveu ser estudante de Carvalho durante os seus estudos na Universidade de Santiago, onde o intelectual conseguiu praza como primeiro catedrático de Filoloxía Galega. Alí ‘Don Ricardo’ marcou a toda unha xeración de intelectuais e autores, como o editor e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019; ou a escritora Pilar García Negro.

“Cando nós chegamos á súa clase non sabiamos nada, moi pouco, chegamos bastante asilvestrados. Algúns eramos urbanitas, outros das aldeas. Cada un da súa lingua e a súa maneira de entender o galego. Como profesor ordenounos o cerebro, deunos información de forma culta e esixente e construímos con el a historia e o canon da literatura“, destaca Freixanes.

Pallarés, pola súa banda, procedía dun colexio “moi pequeno” da Coruña. “Era bastante distante, severo e irónico. Moitos alumnos admirabámolo e agora penso que quizais eramos demasiado novos para ver detrás desa ironía todo o que había de cordialidade. Para min, tamén supuxo descubrir a lingua da miña familia, dos meus pais, e unha tradición literaria e poética marabillosa que nos abría camiños a todo o mundo. E iso foi da súa man”.

A verdadeira relación con Carvalho forxouse nos 80, sobre todo na Asociación Alexandre Bóveda. “Tratábanos cunha palabra que lle gustaba moito: colegas, camaradas, coa conciencia de que nos estaba pasando o ‘facho’ de ideas e coñecementos. Era xa un amigo e toda esa ironía, distancia e severidade quedou esvaecida”.

“ELEGANCIA EXTRAORDINARIA”

Pilar García Negro estableceu, á súa vez, unha profunda amizade persoal con Carvalho Calero, que se iniciou despois da docencia. “Tiven ocasión de presentalo en moitas palestras, en moitas conferencias, e de acompañalo en moitas ocasións. Aí é cando puiden sacar proveito do seu maxisterio, da súa enorme sabedoría e mesmo coñecer aspectos da súa personalidade dunha maneira moito máis próxima”.

Nas últimas décadas da súa vida, puido ver a un Carvalho Calero que estaba “en pleno estado de forma”, a pesar de ser “desprezado” e “mesmo proscrito” por non adscribirse á oficialidade marcada para o idioma e que, en contrapartida, o levou a recibir “todo o agarimo, recoñecemento e admiración” de numerosas asociacións e organizacións.

Esta situación “afectaríalle moito, aínda que non o exteriorizaba”, explicou, posto que viviu “rupturas de amizades de moitos anos”. “Era dunha elegancia extraordinaria, non o exteriorizaba ou, se o facía, facíao levemente, mesmo con bastante ironía e humor”, lembra García Negro, aínda que na súa poesía si se manifestaba dunha forma “máis persoal e reveladora da súa intimidade”.

OS DOUS ASPECTOS DE CARVALHO CALERO

A escritora asegurou que ‘Don Ricardo’ era unha persoa “moi afable” e “nada dogmática”, que sempre estaba “aberto a opinións e valoracións dos demais”, e que era “moi benevolente e amigable”, especialmente coa xente nova.  “Xa con outra idade,  penso que el, por lóxica, tivo que observar e captar afirmacións nosas, seguramente moi rotundas ou inxenuas por falta de coñecemento. Pero el era moi bo docente, nunca penalizou nin se escandalizou de nada“, agradeceu, para apuntar a “xenerosidade” da que facía gala.

“Teño algún libro del dedicado autógrafamente que agora me emociona ler, no que aparezo chamada amiga e compañeira, altos títulos que agradezo moitísimo”. Para ela, este profesor e mestre de tantos mozos presentaba eses “dous aspectos”: o dun docente distante e serio, pero que nas distancias curtas se emocionaba con cancións populares, óperas e zarzuelas, entre sobremesas e ceas que tivo ocasión de compartir tanto con el como a súa esposa, María Ignacia Ramos.

ÚLTIMAS

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...