‘Don Ricardo’ foi máis ca un mestre para os nenos e mozos que pasaron polas súas aulas no Colexio Fingoi de Lugo ou na Universidade de Santiago. O rostro serio e severo de Carvalho Calero agochaba , tras de si, a calidez dun home moi humano e un pozo de sabedoría que conseguiu espertar en decenas de persoas a alegría e o amor pola cultura nun período tan escuro como a ditadura.
O intelectual ferrolán, autodeclarado ‘fillo do cometa Halley’, entrou a Fingoi nos 50 nun momento moi difícil da súa vida, tras ser represaliado e encarcerado polo Franquismo. O empresario Antonio Fernández López apostou por el para sacar adiante un modelo educativo diferente, un colexio mixto que quería darlle unha oportunidade aos nenos do rural e ensinarlles a pensar por si mesmos.
A directora do centro, Asunción Fernández (ou ‘Siña’, como a chaman os seus coñecidos), foi unha daquelas nenas e tamén a encargada de recoller a testemuña dun mestre “excelente”, un home “sabio” e serio cuxa pedagoxía ía moito máis alá do “profesor di – alumno repite”. El non dubidaba en emocionarse recitando, cantando e rindo cos seus estudantes.
‘Don Ricardo’ vivía no mesmo centro, onde exercía permanentemente de docente e director, aínda que non de maneira oficial. “Estaba todo o día no colexio, no comedor comía connosco, no patio e tamén cando tiñamos a hora de estudo, porque non estaba permitido levar nada a casa. Controlaba todo iso”, lembra Asunción, nunha entrevista con Europa Press.
AMAR O PROPIO
A docencia de Carvalho Calero non se limitaba ao mero coñecemento, que aplicaba dun modo “estrito” e “esixente”: traballaba co contexto, recitaba poemas e cultivaba a creatividade do alumnado cos seus propios escritos, algúns deles premiados nos Xogos Florais e Minervais. “Hai xente que sabe moitísimo de todo e non chega a transmitir. E el, a pesar de ser un home moi recto, moi serio, era capaz de todas esas cousas”, insiste a docente.
A escritora Carmen Blanco, daquela unha nena, asegurou que as súas clases eran “moito máis que a materia que impartía”. “Ensinábanos a falar, a recitar, a pensar, a imaxinar, a ter criterio”. A autora lembra a principal lección de ‘Don Ricardo’: “o amor ao propio, ao que tiñas máis preto, sen prexuízos”.
Varios dos seus alumnos pertencían a familias “represaliadas” e de mentalidade progresista, lembra. Blanco xa era consciente da persoa “importante” que encarnaba o seu profesor polas historias que lle contou a súa familia.
Carvalho sabía ver o “especial” en cada un dos seus alumnos. Mostráballes a beleza da poesía e do mundo que lles rodeaba. Era un profesor “esixente e duro”, insiste Blanco, que ensinaba a “importancia do esforzo”, pero que “podía ser moi divertido”, comprensivo e animaba aos pequenos a xogar, “a buscar trevos de catro follas”. “Tiña un gran sentido do humor. Cando nós tentabamos poemas, con algúns choraba da risa”, rememora unha alegre Asunción Fernández.
RELACIÓN CO MUNDO
O ferrolán sabía relacionar todo o que impartía “co que pasaba en cada momento”, coa xeografía ou a música. “Gustáballe moito cantar, sempre nos ensinaba algunhas cancións, algunhas delas galegas, e emocionábase moitísimo“, destaca Fernández. Cada fin de curso, os escolares interpretaban obras teatrais dirixidas por el, aproveitando este medio para “desenvolver grandes capacidades”, a dicción e a entonación, sempre pendente da corrección da fala.
Tamén acompañaba os nenos en viaxes de estudos, con saídas pola contorna, para cultivar o coñecemento a través da etnografía e a observación directa. Moitos alumnos “tiveron a sorte de coñecer a Otero Pedrayo ou a Ramón Piñeiro, moi amigos del”.
PARA DESCUBRIR A HISTORIA
Blanco volveu ser estudante de Carvalho durante os seus estudos na Universidade de Santiago, onde o intelectual conseguiu praza como primeiro catedrático de Filoloxía Galega. Alí ‘Don Ricardo’ marcou a toda unha xeración de intelectuais e autores, como o editor e presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019; ou a escritora Pilar García Negro.
“Cando nós chegamos á súa clase non sabiamos nada, moi pouco, chegamos bastante asilvestrados. Algúns eramos urbanitas, outros das aldeas. Cada un da súa lingua e a súa maneira de entender o galego. Como profesor ordenounos o cerebro, deunos información de forma culta e esixente e construímos con el a historia e o canon da literatura“, destaca Freixanes.
Pallarés, pola súa banda, procedía dun colexio “moi pequeno” da Coruña. “Era bastante distante, severo e irónico. Moitos alumnos admirabámolo e agora penso que quizais eramos demasiado novos para ver detrás desa ironía todo o que había de cordialidade. Para min, tamén supuxo descubrir a lingua da miña familia, dos meus pais, e unha tradición literaria e poética marabillosa que nos abría camiños a todo o mundo. E iso foi da súa man”.
A verdadeira relación con Carvalho forxouse nos 80, sobre todo na Asociación Alexandre Bóveda. “Tratábanos cunha palabra que lle gustaba moito: colegas, camaradas, coa conciencia de que nos estaba pasando o ‘facho’ de ideas e coñecementos. Era xa un amigo e toda esa ironía, distancia e severidade quedou esvaecida”.
“ELEGANCIA EXTRAORDINARIA”
Pilar García Negro estableceu, á súa vez, unha profunda amizade persoal con Carvalho Calero, que se iniciou despois da docencia. “Tiven ocasión de presentalo en moitas palestras, en moitas conferencias, e de acompañalo en moitas ocasións. Aí é cando puiden sacar proveito do seu maxisterio, da súa enorme sabedoría e mesmo coñecer aspectos da súa personalidade dunha maneira moito máis próxima”.
Nas últimas décadas da súa vida, puido ver a un Carvalho Calero que estaba “en pleno estado de forma”, a pesar de ser “desprezado” e “mesmo proscrito” por non adscribirse á oficialidade marcada para o idioma e que, en contrapartida, o levou a recibir “todo o agarimo, recoñecemento e admiración” de numerosas asociacións e organizacións.
Esta situación “afectaríalle moito, aínda que non o exteriorizaba”, explicou, posto que viviu “rupturas de amizades de moitos anos”. “Era dunha elegancia extraordinaria, non o exteriorizaba ou, se o facía, facíao levemente, mesmo con bastante ironía e humor”, lembra García Negro, aínda que na súa poesía si se manifestaba dunha forma “máis persoal e reveladora da súa intimidade”.
OS DOUS ASPECTOS DE CARVALHO CALERO
A escritora asegurou que ‘Don Ricardo’ era unha persoa “moi afable” e “nada dogmática”, que sempre estaba “aberto a opinións e valoracións dos demais”, e que era “moi benevolente e amigable”, especialmente coa xente nova. “Xa con outra idade, penso que el, por lóxica, tivo que observar e captar afirmacións nosas, seguramente moi rotundas ou inxenuas por falta de coñecemento. Pero el era moi bo docente, nunca penalizou nin se escandalizou de nada“, agradeceu, para apuntar a “xenerosidade” da que facía gala.
“Teño algún libro del dedicado autógrafamente que agora me emociona ler, no que aparezo chamada amiga e compañeira, altos títulos que agradezo moitísimo”. Para ela, este profesor e mestre de tantos mozos presentaba eses “dous aspectos”: o dun docente distante e serio, pero que nas distancias curtas se emocionaba con cancións populares, óperas e zarzuelas, entre sobremesas e ceas que tivo ocasión de compartir tanto con el como a súa esposa, María Ignacia Ramos.