Nas tardes de inverno, uns contos prendían nos outros trala cociña de leña. Nos meses de verán esas historias ían nacendo pola fresca, canda as últimas raiolas. A Ana Moreiras prestáballe escoitar aqueles relatos na aira da súa casa en Miraz (Friol) e medrou co desexo de preservar e transmitir ese legado oral para que non caese na desmemoria. Así é como nace Madialeva, unha novela gráfica protagonizada polas mulleres do rural galego e baseada naquelas historias da aldea de súa nai.
“Aínda que medrei en Burela, miña nai é de Friol e meu pai é de Trabada. Eu considérome da aldea”, explica Ana Moreiras. “Sempre me doeu moito o rural e pensei que formaría parte do seu corpo de reflotación. Pensaba que volvería vivir alí e que alí medrarían tamén os meus pícaros. Pero, de súpeto, ves que non é posible”. Unha endometriose aguda habíaa privar de ter fillos biolóxicos. “A tristeza da esterilidade non me nacía tanto de quedar sen pequechiños como da sensación de tronzar a transmisión do relato”, compartía ela.
“A tristeza da esterilidade non me nacía tanto de quedar sen pequechiños como da sensación de tronzar a transmisión do relato”
En Madialeva atopou a maneira de salvar esa complicación. Rescatou a súa afección polo debuxo e plasmou con cores os contos de todo un século. O resultado é un conxunto de relatos ficticios froito dun “remexido de historias” saídas da boca da tía Pura, Carme, Constantino, Manuel, dos avós Carme e Domingo, da tía Manola ou mesmo da súa nai Hortensia.
MULLERES CON “VOZ CANTANTE”
Aínda que nesas lembranzas aparecen homes e mulleres, a autora quixo que elas fosen as que levasen a “voz cantante” no cómic. “Estou farta de que as mulleres non formen parte das historias como protagonistas. Ao longo da literatura galega aparecen algo, pero son secundarias”, quéixase.
Con todo, adianta que na maior parte das viñetas non hai unha crítica explícita respecto da situación da muller rural. “Simplemente están aí, son as donas das súas decisións, son mulleres valentes que tiraron para adiante… A reivindicación é a súa existencia”, así que son elas as que debullan e fían as historias.
LEVAR O RELATO ORAL ÁS AULAS
Coser eses relatos orais ás novas xeracións sería un dos propósitos de Ana Moreiras. Pero non o ve demasiado doado. “Hoxe en día vivimos nunha sociedade tan estresada que empeza a ser raro o momento no que a xente se senta a falar. E, se o facemos, temos na man o móbil co Facebook, o Twitter, o Instagram… Conectámonos coa xente do outro lado do mundo, pero hai pouco contacto coa de aquí”.
Iso non é compartir o relato, segundo ela. Coa perspectiva que lle outorga a súa profesión de mestra, coida que a educación debera ser un baluarte do patrimonio oral. “Para iso tería que haber un currículo educativo que fose lóxico, en vez desta demencia actual. Os cativos teñen trece materias á semana; cada clase, 50 minutos sen descansos no medio. Non hai tempo de relato oral nin nas propias aulas“. Ela sería partidaria de reformar o sistema e incluír, quizais, unha materia para estudar a comunicación: “a dixital, audiovisual e multilingüe, pero tamén a transmisión oral”.
“Os nenos de agora xa non teñen nin idea de que seus avós pasaron fame na posguerra”
Do contrario, di, a rapazada non saberá das súas orixes e tradicións como pobo. “Se non coñecemos iso, a onde imos ir?”, pregúntase. Ela mesma enreda en reflexións e atopa unha resposta que non lle gusta: “Os nenos de agora xa non teñen nin idea de que seus avós pasaron fame na posguerra. Non saben que foi iso porque ninguén se senta a contárllelo. Entón, aplauden a aparición de persoas como Santiago Abascal. Pareceralles que é como aplaudirlle ao Sevilla FC…”
POR QUE ‘MADIALEVA‘?
Visto o discurso que defende Ana Moreiras en relación ao relato oral, non parece en balde a escolla do título da súa obra. “Eu son unha apaixoada das distintas sublinguas do galego. Como medrei entre distintos lugares, resúltame incrible ver como se fala tan diferente aínda estando tan preto. ‘Madia leva’ é unha expresión moi propia de Friol. Sempre me gustou moito a intensidade coa que pronuncian esa frase alí. É coma unha especie de exhortación, de entusiasmo”.
Moreiras agarda que o seu particular Madialeva sexa de gusto para as futuras lectoras e lectores. Ao fin e ao cabo, eles foron quen lle axudaron a sacar adiante este proxecto a través dunha campaña de micromecenado. “O libro está rematado. Só queda acabar de maquetalo e imprimilo”, afirma. Mentres tanto, anda en conversas para conseguir que a obra estea dispoñible en diversas librarías galegas, pero os interesados tamén poderán mercalo contactando con ela a través das redes sociais. Se cadra, mesmo poden botar uns contos…